Skip to main content
Tomámolo a peito

Racing Club Ferrol e SD Ponferradina sumáronse nos prolegómenos do partido á loita contra o cancro de mama

Con motivo do Día Internacional contra o Cancro de Mama, os xogadores do Racing Club Ferrol e da SD Ponferradina saltaron ao terreo de xogo o pasado domingo portando unha pancarta de apoio a todas as persoas que conviven ou conviviron con esta enfermidade.

Un xesto co que quixemos sumarnos á mensaxe que nos trasladou a AECC, que resume en tres palabras o compromiso de todos: “Tomámolo a peito”.

Manifesto

Hoxe, desde o campo do Racing de Ferrol, queremos enviar unha mensaxe a todas as persoas que conviviron ou conviven co cancro de mama.

Porque detrás de cada diagnóstico hai unha persoa, unha familia, unha historia e unha vida que cambia para sempre. Tomámolo a peito.

Porque sabemos que o cancro de mama non é só un tratamento nin unha data no calendario. Son medos, dúbidas, cambios, silencios e tamén moita valentía. Tomámolo a peito.

Porque queremos escoitar, comprender e acompañar. Porque ningunha persoa debería afrontar esta enfermidade en soidade. Tomámolo a peito.

Porque sabemos da importancia da prevención, da investigación e do apoio a pacientes e familiares. Tomámolo a peito.

Pero, sobre todo, tomámolo a peito para poñer no centro ás persoas e ás súas necesidades.

Hoxe, desde Ferrol, enviamos toda a nosa forza e recoñecemento ás mulleres e familias que están a pasar por un cancro de mama.

Tomámolo a peito.

Ferrol en Marcha contra o Cancro

O compromiso continúa fóra do terreo de xogo. Este domingo, 8 de novembro, celébrase a XIII edición de Ferrol en Marcha contra o Cancro, a carreira e andaina solidarias organizadas pola Asociación Española Contra o Cancro en Ferrol, que este ano aspira a reunir a 5.000 participantes.

A saída terá lugar desde o Cantón de Molíns: ás 10.00 horas arrancará a carreira infantil e ás 11.00 horas, a carreira e a andaina.

As inscricións poden realizarse neste enlace e tamén na sede da asociación en Ferrol (rúa Terra, 5).

Desde o club animamos a toda a familia racinguista a sumarse a esta cita e tinguir Ferrol de solidariedade. Porque nós tamén o tomamos a peito.