Skip to main content
O premio Xogador do Mes Estrella Galicia abre as portas da Malata á afección

Entre quen participe na votación, un afeccionado gañará unha entrada dobre con acceso á Área 1919 e a oportunidade de entregar o trofeo ao xogador elixido

Votar ao mellor xogador do mes terá esta tempada unha recompensa diferente.

O Xogador do Mes Estrella Galicia, o recoñecemento que desde hai varios anos premia ao futbolista máis destacado do Racing Club Ferrol a partir dos votos da afección, estrea formato. Mantense a esencia dun galardón que nace da propia bancada. A diferenza é que, desde agora, o afeccionado tamén pode vivilo desde dentro.

Ata agora, participar na votación daba opción a gañar unha entrada dobre nun sorteo. Desde esta tempada, o gañador do sorteo entre todos os participantes recibirá unha entrada dobre para o seguinte partido de liga que o Racing dispute na Malata, con acceso á Área 1919. Ademais, terá a oportunidade de entregar persoalmente o trofeo ao xogador gañador e vivir unha experiencia no entorno do estadio. Ademais, como recordo dese momento, tamén levará un dos chaveiros conmemorativos do premio.

O funcionamento segue sendo o mesmo. Os afeccionados elixen ao gañador a través dunha enquisa en X e Estrella Galicia fai entrega do trofeo. Agora, ese último xesto tamén pode quedar nas mans da afección.

Trofeo

Tamén cambia o trofeo. Estrella Galicia deseñou un novo galardón elaborado a partir de palés que durante anos transportaron a súa cervexa desde a fábrica ata os seus consumidores. Son materiais recuperados para darlles unha nova vida, que agora volven á afección convertidos no recoñecemento ao xogador que ela mesma escolleu.

O novo formato estréase este mes de novembro coa votación do Xogador do Mes de outubro.

Un premio elixido entre todos. E, desde agora, tamén entregado por un dos nosos.