Skip to main content
Brico Depôt pon o seu selo ao partido ante a UD Logroñés

A firma, presente en Ferrol desde hai 13 anos, protagonizará o partido patrocinado da undécima xornada, este sábado na Malata

Brico Depôt será a firma protagonista do partido patrocinado deste sábado, ás 13.00 horas, correspondente á xornada 11, no que o Racing recibirá á UD Logroñés na Malata. Esta mañá recibimos no estadio a Jesús Teixeira, representante da firma, na presentación dun encontro co que o club quere agradecer e dar visibilidade á aposta da compañía polo proxecto racinguista.

«Hai empresas que, co paso do tempo, se converten en parte da vida dunha cidade», sinalou Ana Quintián, responsable de Márketing do Racing Club Ferrol. Quintián lembrou que Brico Depôt leva máis dunha década en Ferrol, acompañando a profesionais e particulares, e subliñou a satisfacción de contar cunha empresa que coñece ben a cidade e que decidiu apostar tamén polo seu club.

«O Racing é moito máis que un equipo de fútbol. É parte da identidade de Ferrol e da súa comarca, e queremos seguir medrando da man de quen comparte ese vínculo co noso entorno», engadiu.

Esa proximidade é tamén a que levou á firma a dar o paso. «Levamos 13 anos en Ferrol e queriamos dar un paso máis e estar máis próximos á xente», explicou Teixeira. «Como ao club, gústanos facer as cousas de forma sincera e próxima», sinalou, antes de trazar un paralelismo entre ambos mundos: «A paixón que a xente deposita no club é similar á da xente cando afronta a reforma do seu fogar».

Por que o Racing? A súa resposta foi directa: porque «proxecta a imaxe de Ferrol máis alá da cidade».

O acordo terá o seu reflexo no partido do sábado, no que Brico Depôt contará cunha presenza destacada a través de diferentes soportes físicos e dixitais. Na Malata aparecerá na U televisiva e no videomarcador, e fóra do estadio, nos canais oficiais e na newsletter do Racing Club Ferrol, dentro dos activos asociados ao partido patrocinado. Este tipo de accións permiten ao club ofrecer aos seus colaboradores diferentes espazos para reforzar a súa vinculación co Racing e coa súa afección.