Seguinte parada da folla de ruta: Balaídos
O Racing enfróntase mañá ao Celta Fortuna no coliseo olívico. Máis de mil afeccionados racinguistas estarán apoiando ao equipo nas bancadas.
Balaídos será mañá, a partir das 16.15 horas, escenario dun novo desembarco verde. O partido que nos enfrontará ao Celta Fortuna, con motivo da 9ª xornada da Liga Versus E-Learning de Primeira Federación, mobilizou ao racinguismo para arroupar ao equipo nun derbi galego de máxima expectación. Non en van, sobre o céspede do coliseo olívico veranse as caras o segundo e o terceiro clasificado dunha competición na que ambas formacións destacamos pola nosa regularidade neste primeiro tramo do campionato.
Tras caer en Lugo e encadear dous empates como local, o equipo de Pablo López volveu sumar de tres en tres grazas ás súas vitorias ante Osasuna Promesas e o Arenas Club. Esta última, lograda a pasada semana en A Malata, deixounos algúns dos mellores minutos dos verdes, especialmente no inicio dun partido no que, antes do minuto 20, xa gañabamos 3-0. A concentración e solvencia coa que saltamos entón ao campo marcan o camiño a seguir para afrontar con garantías partidos como o de mañá.
Ben é certo que o encontro terá pouco que ver co que disputamos fronte ao conxunto vasco, pois en fronte teremos a un adversario que derrocha competitividade. A pesar de ser —ou precisamente por iso— o plantel cunha media de idade máis nova do grupo, o equipo de Fredi Álvarez destaca pola súa verticalidade e fame en cada partido. Argumentos que o levaron a asinar un magnífico comezo que tan só se viu lixeiramente freado, no que a resultados se refire, nos dous últimos partidos —derbis tamén— nos que empatou ante o Ourense CF e perdeu fronte ao CD Lugo. Unha tendencia que non invita, nin moito menos, á confianza, pois, despois da súa visita a A Malata este verán, no Trofeo Concepción Arenal, os racinguistas saben moi ben do que é capaz o seu opoñente.
Para este encontro, Pablo López contará coa única baixa de Álex Zalaya, que aínda está recuperándose da lesión muscular que lle obrigou a perderse xa o último partido.
Máis dun milleiro de racinguistas adquiriron a súa entrada para acompañarnos na bancada visitante de Balaídos, unha cifra que corrobora a intensidade e ilusión coa que os nosos afeccionados están vivindo esta tempada e que nos enche de orgullo. Grazas polo voso apoio.
Finalmente, o Real Club Celta decidiu vender mañá en billeteira, desde dúas horas antes do inicio do partido, entradas para a bancada visitante, pero só a afeccionados identificados como racinguistas a través da súa vestimenta ou o carné de abonado do club.