Artetxe, Zalaya e Azkune visitan o Centro Ocupacional Souto de Leixa
A actividade forma parte do programa social da Fundación Racing Club Ferrol
Continuamos reforzando o compromiso do club coa comunidade a través de iniciativas que achegan o equipo a distintos colectivos da comarca grazas á acción da súa Fundación. Nesta ocasión, os xogadores Ekain Azkune, Markel Artetxe e Álex Zalaya visitaron o Centro Ocupacional Souto de Leixa, nunha xornada marcada pola proximidade, a empatía e o intercambio de experiencias.
Durante a visita, os futbolistas tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man o funcionamento do centro. Acompañados polo persoal, percorreron as instalacións e descubriron os distintos obradoiros nos que participan os usuarios, onde se desenvolven actividades orientadas a fomentar a autonomía, a creatividade e a inclusión social. Ademais, puideron visitar outras dependencias do centro, interesándose polo día a día das persoas que forman parte del.
A xornada concluíu no patio, onde xogadores e usuarios compartiron un tempo de lecer participando en diferentes xogos. Entre risas, deporte e compañeirismo, vivíronse momentos moi especiais que deixaron pegada tanto nos visitantes como nos anfitrións.
Entre eses usuarios, figuran algúns dos xogadores que compoñen o equipo de fútbol inclusivo do club, con quen sempre é un pracer coincidir.
Queremos agradecer a toda a comunidade do Souto de Leixa a súa extraordinaria acollida e o agarimo que nos transmitiron na visita.