Skip to main content
Rematou a espera! O Racing xa está listo para a estrea ligueira

O conxunto de Javi Vázquez inicia mañá en Fadura ante o Arenas Club unha tempada marcada pola ilusión e a ambición

There are no reactions yet. Be the first!

¡Rematou a espera! ¡Chegou a hora da verdade!

Con ilusión e ganas infinitas, o Racing arranca mañá a liga en Primeira Federación. O Arenas Club será o noso primeiro rival nun encontro que se disputará ás 18.30 horas no campo de Fadura, en Getxo.

Aínda que ao equipo aínda lle queda rodaxe para acadar a súa mellor versión, despois de seis semanas de preparación, o conxunto que dirixe Javi Vázquez comeza xa a amosar o seu engrenaxe e, sobre todo, o carácter que o técnico pretende imprimirlle. Un grupo sólido mentalmente, con recursos a nivel táctico e cunha enerxía arrasadora.

O esforzo non se negocia. Repetiuno o preparador desde a súa chegada a Ferrol e será un dos trazos que o equipo levará mañá ao terreo de xogo. "É importante comezar ben", aseguraba Vázquez na previa do encontro, aínda que matizaba que "a clave aquí é a estabilidade. Gañemos ou perdamos, este partido non vai definir o que imos ser en 38 xornadas".

"Estamos ilusionados e con boas vibracións. Iso non nos asegura gañar, pero achéganos a iso", insistía o preparador, máis preocupado por "aplicar o que estivemos traballando e que o partido nos sirva para ser máis fortes de cara ao próximo" que polo resultado en si.

Para este primeiro compromiso ligueiro, Javi Vázquez contará coas únicas ausencias dos lesionados Unai Ropero e Álvaro Juan. Entrarán na convocatoria os xogadores da UD Somozas Joel Tenreiro, Álex González e Rubo.

Rematou a espera. Comeza a liga. Comeza o camiño.