Skip to main content
David Castro e Jesús Bernal regresan ao Racing coa ilusión de volver construír algo bonito

Os dous futbolistas foron presentados como novos xogadores racinguistas e destacaron o vínculo que manteñen co club, o compromiso co proxecto e a importancia de axudar a construír un grupo forte.

There are no reactions yet. Be the first!

David Castro e Jesús Bernal xa tiveron o seu reestreo público como xogadores do Racing Club Ferrol. Dous regresos cun significado especial para un club que recupera a dous futbolistas que coñecen de primeira man o que significa vestir a camiseta racinguista e que, como destacou o presidente, Manuel Ansede, deben ser importantes tanto dentro do campo como na construción do grupo que afrontará esta tempada.

Durante a súa intervención, Ansede puxo o foco precisamente nese coñecemento do club e do seu entorno. David e Jesús forman parte da historia recente do Racing e regresan a Ferrol coa experiencia necesaria para asumir un papel de referencia dentro dun vestiario no que tamén haberá xogadores novos e novas incorporacións.

Un sentimento que ambos futbolistas trasladaron con claridade durante a súa presentación. Para David Castro, regresar ao Racing era unha decisión que tiña moi clara desde o momento en que coñeceu o interese do club. «Cando souben do interese do Racing e falei con Álex Vázquez e Diego Rivas comprometinme con eles a que, se podía saír, ía ser para aquí. Non me plantexei ningunha outra posibilidade», explicou.

O central, que viviu en primeira persoa o duro ano do descenso, asegura terse atopado cun escenario moi diferente no seu regreso: «Volves ver á xente sorrir e sentir esas ganas e esa ilusión que había antes».

Ese contraste entre as dificultades vividas e a ilusión que volve rodear ao Racing estivo tamén moi presente nas súas palabras. Castro quixo poñer en valor especialmente a resposta da afección. Os máis de 7.000 abonados, despois de dous anos complicados, son para o futbolista unha mostra do compromiso de Ferrolterra co club. «Nós temos que dalo todo para volver», afirmou.

Tamén Jesús Bernal subliñou o carácter especial do seu regreso. «Volver ao Racing é diferente a valorar calquera outra oferta», explicou o centrocampista, que deixou claro que a súa decisión non estivo condicionada pola categoría ou o aspecto económico, senón por un "convencemento persoal", ao tempo que agradeceu o esforzo realizado para facer posible o seu regreso.

Bernal regresa ademais cunha sensación que recoñece da súa primeira etapa: a de volver formar parte dun proxecto ilusionante. «Eu coñecín un proxecto con moitísima ilusión e agora regreso e teño esa mesma sensación», sinalou.

Nese novo vestiario, o centrocampista entende que tanto el como Castro deben asumir un papel natural de referentes. Non desde a responsabilidade engadida, senón desde o traballo e o exemplo. «O único que temos que facer David e máis eu é traballar, que é o que fixemos toda a vida», explicou. O seu obxectivo será tamén axudar aos máis novos e aos novos futbolistas a "coñecer o club, a cidade e a achegarse á afección".

«Máis que unha responsabilidade é un motivo de alegría o feito de poder transmitir ese sentimento», resumiu Bernal.

Ambos coñecen tamén a dificultade da categoría e as esixencias que formula o camiño que ten por diante o Racing. Nese sentido, Bernal considera que o ocorrido a pasada tempada debe servir como aprendizaxe, "para lembrar o complicada que é a categoría e como debemos afrontala para conseguir os nosos obxectivos».

David Castro e Jesús Bernal volven así poñerse a camiseta do Racing desde un punto de partida compartido: traballo, compromiso e a vontade de axudar a construír un grupo forte, especialmente preparado para afrontar tamén os momentos difíciles. Dous futbolistas que xa coñecen o que significa este club e que regresan coa ilusión de volver vivilo desde dentro.