A Academia Española da Diplomacia e LALIGA promoven esta iniciativa que reunirá na sala Carlos III de Exponav máis de cen camisetas históricas de seleccións nacionais do 3 ao 13 de setembro
O fútbol como punto de encontro entre pobos e culturas chegará a Ferrol coa exposición ‘Fútbol pola Paz’, que poderá visitarse na sala Carlos III de Exponav do 3 ao 13 de setembro. A iniciativa, promovida por LALIGA e a Academia Española da Diplomacia, conta coa colaboración da Fundación Racing Club Ferrol, que participa na chegada desta mostra á cidade xunto con outros promotores locais como o Grupo JRilo ou a Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao.
A exposición reunirá máis de cen camisetas históricas de seleccións nacionais de máis de cen países, nunha mostra que busca utilizar o fútbol como espazo de encontro e reivindicar valores como a colaboración, o entendemento e o diálogo fronte aos conflitos. Para iso, a iniciativa conta coa participación de 104 embaixadas, que contribuíron á colección coas camisetas das súas respectivas seleccións.
A chegada de ‘Fútbol pola Paz’ a Ferrol supón unha nova oportunidade para achegar á cidadanía os valores que o deporte pode transmitir máis alá do terreo de xogo. A exposición naceu precisamente co propósito de mostrar como o fútbol pode actuar como vehículo de unión entre países e culturas e como ferramenta para favorecer o entendemento entre pobos.
A inauguración terá lugar o xoves 3 de setembro ás 13:00 horas en Exponav, onde a mostra permanecerá ata o 13 de setembro. Deste xeito, Ferrol incorpórase ao percorrido dunha exposición de carácter internacional que aspira a levar a súa mensaxe de paz e convivencia a diferentes cidades e países.
Desde a Fundación Racing Club Ferrol comprácenos especialmente a posibilidade de colaborar nunha iniciativa que conecta directamente con algúns dos valores que o deporte e o fútbol deben representar: respecto, convivencia, integración e capacidade para unir a persoas e comunidades.