O primeiro partido da tempada como local enfróntanos mañá, ás 12.00 horas, co Real Unión Club
Case catro meses despois de disputar o noso último partido en Ferrol, regresamos a A Malata. O Racing estréase como local mañá, ás 12.00 horas, recibindo ao Real Unión Club con motivo da terceira xornada de Primeira Federación.
O equipo dirixido por Javi Vázquez busca a súa primeira vitoria no campionato ante un adversario que comezou a tempada de forma fulgurante, con dúas vitorias noutros tantos partidos. Un recentemente ascendido que aproveita a boa inercia coa que iniciou o curso para asinar, ata o momento, un rendemento impecable.
O conxunto ferrolán contará para este duelo coa única ausencia por lesión de Álvaro Juan. Estrease na convocatoria Unai Ropero, un dos futbolistas chamados a converterse nunha referencia da liña ofensiva verde.
Afección
O Racing estrearase na casa con case 7.300 abonados, unha cifra que nos enche de orgullo e tamén de responsabilidade. Queremos devolvervos esa confianza con alegrías pero, sobre todo, darvos as grazas polo voso apoio.
Afectacións
O encontro de mañá será o primeiro que acolla A Malata desde o inicio das obras de substitución da cuberta do estadio. Con motivo destes traballos de mellora, conservación e mantemento, decretouse o peche do sector N de Preferencia.
Todos os abonados situados neste sector deberán ocupar provisionalmente a súa localidade no sector K de Preferencia, mantendo o mesmo número de fila e asento que teñen asignado habitualmente.
Desde as 10.30 horas estará aberta a billeteira de incidencias na bancada de Preferencia para resolver calquera problema que poidan ter os nosos abonados co acceso ao estadio.