Partido de oficio
O Racing xoga mañá ante o CP Cacereño no Príncipe Felipe
O Racing Club Ferrol visita mañá, ás 20:30 horas, o Estadio Príncipe Felipe para enfrontarse ao Club Polideportivo Cacereño no partido correspondente á 15.ª xornada do campionato de liga de Primeira Federación Versus eLearning.
A contenda chega nunha semana intensa para a nosa formación, que afrontará o seu terceiro partido en oito días despois de enfrontarse o pasado martes á SD Huesca na Copa do Rei. Ese encontro non se saldou de forma favorable para os intereses verdes; con todo, revelou dinámicas moi positivas sobre as que seguir afondando.
O conxunto ferrolán verase as caras cun CP Cacereño que chega ao partido con ánimos renovados despois de derrotar a pasada semana ao Talavera. Unha vitoria que puxo fin a unha mala serie de catro derrotas consecutivas. Agora, os pupilos de Julio Cobos pretenden deixar atrás esa dinámica negativa que os levou a ocupar postos de descenso.
Unha clasificación que o Racing evita mirar, conscientes, como o seu técnico Pablo López advirte, da dificultade que supón esta competición ante calquera adversario, independentemente do seu lugar na táboa.
Nas filas racinguistas, Pablo López contará coas coñecidas baixas de David Concha, Markel Artetxe e Sergio Tejera. A cambio, regresa á convocatoria Chema Rodríguez tras varias semanas de ausencia.