O Racing visita ao Zamora CF no Ruta de la Plata
O Racing conta coa baixa de Ander Gorostidi por sanción, pero Fabio está xa á disposición do técnico
A vitoria ante o CD Arenteiro da pasada semana puxo fin á sangría racinguista e agora, con ánimos renovados, o Racing Club Ferrol volve á acción visitando ao Zamora Club de Fútbol. O duelo, que se disputará mañá ás 18:30 horas no estadio Ruta de la Plata, porá a proba a “reconstrución” do equipo que acometeu Guillermo Fernández Romo, ante un adversario que, aínda que viu freada a súa ascensión nas tres últimas xornadas —cunha derrota e dous empates—, mantén esta tempada a frecha “cara arriba”.
O Zamora Club de Fútbol gañouse por méritos propios o dereito a meterse na nómina de candidatos a disputar os play-off de ascenso, aínda que para iso deba manter un alto nivel competitivo. Algo que Guillermo Fernández Romo sabe que vai atopar nun adversario cuxo técnico, Óscar Cano, coñece ben e admira.
Por iso, sabe que se vai atopar cun equipo moi traballado, coas ideas moi claras e moi serio en todas as facetas do xogo.
Para o encontro, o Racing contará coa única baixa de Ander Gorostidi, por sanción. Pola contra, gaña efectivos na medular tras concretarse esta semana a incorporación do mediocentro canario Fabio.
Caras novas tamén nas filas do Zamora CF, coa chegada do atacante hispano-marroquí Adbe Damar, procedente do Unionistas, quen está xa a disposición do seu técnico.