Todos os equipos do club reuníronse en A Malata para gozar dunha xornada de convivencia e fomentar o sentido de pertenza
```html
Tarde de racinguismo en estado puro a que onte se viviu no estadio da Malata con motivo do acto de fin de tempada da nosa canteira. Unha xornada que serviu para poñer en valor a nosa esencia: a formación, o sentimento de pertenza e o orgullo de vestir a camiseta verde dende os primeiros pasos. Pero na que tamén puidemos agradecer o traballo, esforzo e dedicación de todos cantos fan posible que, tempada tras tempada, sigamos medrando dende a base.
A cita arrancou con todos os equipos da Fundación Racing Club Ferrol pasando polo céspede para a tradicional fotografía oficial. O terreo de xogo da Malata converteuse nun espazo de convivencia e celebración, no que os nosos mozos futbolistas, dende os máis pequenos ata os conxuntos xuvenís, pasando polo equipo Genuine, gozaron de actividades deportivas e lúdicas, co fútbol como protagonista. Unha imaxe que para nós simboliza o presente e o futuro desta entidade.
Con posterioridade, a Área 1919 acolleu a parte máis institucional do evento, conducida polo director de canteira, Álex López, quen na súa intervención puxo o acento no papel da base como eixe central do noso proxecto e a necesidade de seguir formando xogadores, pero tamén persoas, en liña coa identidade e valores do club: esforzo, equipo, unidade, compromiso e resiliencia.
"Non somos máis nin menos que ninguén e temos que sentirnos orgullosos do que representamos. O Racing é un club con cen anos de historia. Dádelle valor a representalo e a forma de facelo é dar o mellor de vós", apuntaba Álex López.
Con anterioridade, Manuel Ansede, presidente da entidade, poñía o foco no sentimento de pertenza, lembrando que "todos formamos a mesma familia e estamos unidos nesta esperanza de levar o club ao máis alto posible".
Un dos momentos máis emotivos da xornada foi a homenaxe aos xogadores xuvenís que rematan a súa etapa formativa na entidade: Aketza Aranaga, Iago Carrera, Brais Riola, Rubén Piñón, Daniel González, Sergio Mosquera, Antón Álvarez, Iago Estévez, Joel Ferreira, Joel Tenreiro, Diego Rey, Marcos Díaz, Hugo López, Iker Paredes e Martín Bouza. Todos eles recibiron o recoñecemento do club pola súa traxectoria, compromiso e por ter defendido a camiseta verde con orgullo durante anos, en moitos casos dende as súas primeiras etapas na base.
Cada un dos futbolistas foi presentado de maneira individual antes de recibir un agasallo conmemorativo —un pin e unha fotografía— de mans de Juan Pazos, presidente da Fundación Racing Club Ferrol, nun acto cargado de simbolismo que pon en valor o camiño percorrido.
A xornada incluíu varias intervencións finais antes do peche, que correu a cargo de Álex Vázquez, director de fútbol, poñendo o broche a un evento que combinou emoción, recoñecemento e sentimento de club.
Con este acto, o Racing Club Ferrol despide unha nova tempada da súa canteira, reafirmando a súa aposta pola formación, a identidade e os valores como piares fundamentais sobre os que seguir construíndo o futuro verde.
Grazas a xogadores, técnicos, delegados, colaboradores e familias por facelo posible.
- +49