Skip to main content
Burgos agarda ao noso equipo Genuine

O Racing acode á terceira xornada desta cita de carácter inclusivo

There are no reactions yet. Be the first!

O Racing Club Ferrol Genuine afronta esta fin de semana unha nova cita no seu calendario coa participación na terceira xornada de LALIGA Genuine Moeve, que se disputará na Cidade Deportiva do Burgos CF mañá sábado e o domingo.

O equipo verde chega a esta nova fase tras as experiencias vividas en Tarragona e Xixón, sedes da primeira e segunda sesión do evento, marcadas pola convivencia, o compañeirismo e a posta en práctica dos valores que definen esta competición.

A expedición racinguista desprazase a Burgos coa ilusión de seguir medrando e gozando dunha competición na que o fútbol actúa como ferramenta de integración social. A xornada reunirá numerosos equipos de toda España e nela os nosos futbolistas afrontarán dous encontros: Mañá, ante o Athletic Club; e o domingo, fronte ao Real Sporting.

O equipo estará acompañado, unha vez máis, por corpo técnico, familiares e membros do club, nunha experiencia que reforza o crecemento do grupo dentro e fóra do terreo de xogo.

O Racing Club Ferrol Genuine está formado por futbolistas procedentes de distintos colectivos sociais de Ferrolterra vinculados ao ámbito da discapacidade intelectual, cuxo traballo resulta fundamental no desenvolvemento do proxecto. Grazas a esta rede de apoio, o equipo non só compite, senón que tamén se consolida como un espazo de inclusión, aprendizaxe e convivencia.

LALIGA Genuine Moeve

LALIGA Genuine Moeve é unha iniciativa impulsada pola Fundación LALIGA dirixida a persoas con discapacidade intelectual, e converteuse nun referente dentro do deporte inclusivo. A competición reúne clubs de toda España nun formato no que se priorizan valores como o respecto, a deportividade e o compañeirismo, por riba do resultado.