O Racing estrea a Área 1919
A nova zona hospitality está situada no Estadio de A Malata
O Racing Club Ferrol inaugurará o próximo xoves 14 de maio a Área 1919, a nova zona hospitality do estadio de A Malata destinada a empresas, patrocinadores e membros do Club de Empresas RCF 1919, e importante activo de proxección social para a entidade. O acto contará coa presenza de representantes do consello de administración, encabezados polo seu presidente, Manuel Ansede, así como de autoridades, patrocinadores, membros do club de empresas, representantes da nosa masa social e medios de comunicación.
A xornada comezará cun acto institucional e un ágape no propio espazo, que servirá como presentación oficial dunha infraestrutura pensada para mellorar a experiencia dos patrocinadores e colaboradores do club nos días de partido, e tamén para acoller actividades en xornadas sen competición, como concertos, charlas, conferencias ou reunións.
Durante o acto celebraranse dúas breves charlas-coloquio dirixidas pola xornalista Elba de la Barrera. A primeira abordará os proxectos inminentes que afrontará o club, con especial atención á futura cidade deportiva, ao cambio da cuberta do Estadio de A Malata ou á proxección económica e social da entidade. Contará coa intervención de representantes municipais do Concello de Ferrol; o presidente do Club, Manuel Ansede, e o Director de Marketing, Daniel Agra.
A segunda centrarase na propia Área 1919, a súa concepción, funcionalidade e papel dentro da estratexia de crecemento do Racing, do seu ecosistema de patrocinio e proxección social. Algúns dos que tiveron un papel indispensable para que este espazo vexa a luz, como Prace, Jotun, Carpinterías Seijas, Coca-Cola e Estrella Galicia, tomarán a palabra durante o evento.
A Área 1919 sitúase na bancada de Tribuna Sur do estadio de A Malata e conta cunha superficie de 150 metros cadrados. O espazo articúlase en dúas zonas diferenciadas, unha xeral e outra VIP, e supón a primeira experiencia hospitality da entidade ferrolá, reforzando a aposta do club por ofrecer novas posibilidades de relación, activación e visibilidade ao seu entorno empresarial e social.
A inauguración terá lugar, ademais, na antesala do encontro que o Racing disputará o domingo 17 de maio en A Malata ante o Osasuna Promesas, o que permitirá que a nova zona hospitality comece a formar parte da experiencia de partido.
Club de Empresas RCF 1919
O Club de Empresas RCF 1919 nace co obxectivo de potenciar a relación entre o Racing Club Ferrol e as empresas patrocinadoras, xerando un espazo de encontro no que compartir experiencias, estreitar vínculos e favorecer novas oportunidades de negocio.
Máis alá da visibilidade de marca, o proxecto busca fomentar o networking, a colaboración entre entidades e a creación de sinerxías arredor dos valores do club. A través de encontros, activacións e actividades específicas, o Club de Empresas RCF 1919 consolídase como unha plataforma para conectar deporte e empresa nun entorno profesional, próximo e con proxección de futuro.