O Racing Club Ferrol reforza o seu papel como axente social a través do proxecto LALIGA x Bloomsbury Football
O club continúa ampliando o seu compromiso máis alá do terreo de xogo con iniciativas que promoven o acceso ao deporte e a inclusión social no ámbito internacional.
Converter ao Racing Club Ferrol nun axente social de primeiro nivel é un dos pilares fundamentais do noso plan estratéxico. Nos últimos anos, o club asumiu un firme compromiso coa comunidade, aproveitando o altavoz do fútbol profesional para dar visibilidade a colectivos que, habitualmente, carecen de representación nos medios.
Esta filosofía levou ao Racing a colaborar con diversas entidades e organizacións sociais, desenvolvendo accións de impacto positivo tanto na comarca como máis aló das súas fronteiras. Entre elas destaca o proxecto LALIGA x Bloomsbury Football, impulsado pola Fundación LALIGA, no que participan 16 clubes do fútbol profesional español.
A iniciativa, que comezou en 2022, ten como obxectivo democratizar o acceso ao deporte de calidade entre mozos en situación de vulnerabilidade en Londres. Grazas á colaboración coa organización Bloomsbury Football, o proxecto beneficia semanalmente a máis de 5.000 mozos na capital británica.
A semana pasada, o programa ampliou o seu alcance coa apertura dunha nova sede na Harris Academy St John’s Wood, no noroeste de Londres, que se suma á xa existente en Acland Burghley, ao norte da cidade. Esta expansión reforza o compromiso coa inclusión e a equidade no acceso a oportunidades deportivas.
Ademais do respaldo económico, a Fundación LALIGA tamén aporta a súa experiencia técnica mediante a formación especializada de adestradores no marco do proxecto, garantindo un enfoque profesional e educativo en cada sesión.
Con iniciativas como esta, o Racing Club Ferrol reafirma a súa vontade de ser moito máis ca un club de fútbol: un motor de transformación social.