Skip to main content
Club

O Racing pecha o último exercicio cun balance favorable

A Xunta Xeral de Accionistas aprobou por unanimidade todos os puntos do día, nunha reunión celebrada onte en A Malata.

There are no reactions yet. Be the first!

O Racing Club Ferrol celebrou onte nas dependencias do club en A Malata a súa Xunta Xeral Ordinaria de Accionistas, correspondente ao exercicio 2024/25, cunha participación de máis do 92% do capital social.

Durante a sesión, todos os puntos da orde do día foron aprobados por unanimidade, incluíndo a aprobación das contas anuais, que se pecharon o pasado 30 de xuño cun resultado positivo de 92.893,77 euros. Así mesmo, informouse do cesamento do Consello de Administración de don Fernando Matías Wirz Rodríguez.

Consolidación institucional e respaldo social

O presidente do Consello de Administración, Manuel Ansede, fixo un repaso dos principais fitos do último exercicio e expuxo as liñas estratéxicas de futuro do club.

Na súa intervención, destacou que, a pesar de non terse acadado os obxectivos deportivos previstos, o Racing Club Ferrol experimentou unha notable consolidación institucional, apoiada no firme respaldo da súa masa social. O club iniciou a tempada 2025/26 con 8.346 abonados, unha cifra récord na terceira categoría do fútbol español.

Este dato supón só un 10% menos de abonados respecto á etapa no fútbol profesional e un incremento de 4.645 socios en comparación con hai dúas tempadas, cando a entidade militaba en Primeira Federación.

O perfil do abonado confirma ademais un rexuvenecemento da masa social: o 44% é menor de 30 anos e máis do 27% son mulleres, unha porcentaxe superior á media nacional. A isto súmase o crecemento do impacto dixital do club, que supera xa os 839.000 seguidores en redes sociais.

Avance histórico coa Cidade Deportiva

Un dos fitos máis relevantes do exercicio é o inicio das obras da Cidade Deportiva do Racing Club Ferrol, nos terreos da antiga Estación Radio de Muiño de Mandiá, adquiridos pola Fundación Racing Club de Ferrol.

O complexo ocupará máis de 120.000 metros cadrados, desenvolverase en catro fases e contará cunha investimento global superior aos 12 millóns de euros. A primeira fase, xa en execución, contempla un investimento de máis de 5 millóns de euros e permitirá dotar ao club de campos de adestramento, zonas de aparcadoiro, accesos mellorados e un edificio principal con vestiarios, ximnasio e áreas técnicas.

Resultados económicos positivos e compromiso social

Desde o punto de vista económico, o Racing pechou o exercicio con ingresos récord superiores aos 9,5 millóns de euros e un superávit próximo aos 93.000 euros por segundo ano consecutivo, froito dunha xestión responsable e un estrito control do gasto.

O club subliñou tamén o seu impacto económico na comarca de Ferrolterra e a posta en marcha do club de empresas RCF1919, que integra xa a preto de 90 empresas e entidades.

Pola súa banda, a Fundación Racing Club de Ferrol continúa desempeñando un papel clave no desenvolvemento do fútbol base, o fútbol feminino e os programas sociais, educativos e inclusivos do club, entre os que destaca o equipo Genuine.

O presidente pechou a Xunta agradecendo o apoio das administracións públicas e reafirmando que o futuro do Racing constrúese dende a unidade, a sustentabilidade e o compromiso con Ferrolterra, co obxectivo de seguir fortalecendo ao club dentro e fóra do terreo de xogo.