Desde o Racing Club Ferrol queremos pedir desculpas a todos os nosos abonados, abonadas e simpatizantes pola formulación creativa da última campaña de abonados do club.
A partir da coñecida polarización existente na sociedade actual, a nosa intención era a de poñer en valor a figura do Racing como elemento catalizador, un espazo común aberto a todos os cidadáns de Ferrolterra; un lugar onde teñen cabida persoas de moi distinta índole política, socioeconómica e cultural. Un escenario interxeracional no que compartir amizades e emocións unidos pola mesma paixón por unhas cores. Ese sentimento que nos une.
Para a súa produción empregamos ferramentas de intelixencia artificial coa mellor das intencións: axilizar o proceso e optimizar recursos pero, en ningún caso, co propósito de substituír o agarimo, o criterio, o compromiso e a dedicación que hai detrás de todas e cada unha das accións que emprendemos.
Resulta evidente que non fomos capaces de transmitir esa mensaxe como imaxinabamos.
Cando sucede algo así, o correcto é asumilo, escoitar e pedir desculpas. Lamentamos profundamente o malestar que xeramos na nosa xente.
Detrás de cada campaña, de cada acción e de cada detalle que se fai no club hai un equipo profundamente racinguista de corazón, que traballa con agarimo, respecto e ilusión polo Racing e pola súa afección.
Desafortunadamente, isto non evita que poidamos equivocarnos. Ás veces as ideas saen como se pensaron; outras non conseguen chegar como deberían. Esta vez, non o logramos.
Grazas a todos os que nos esixistes máis, a quen expresastes a vosa opinión con honestidade, a quen nos lembrades cada día a responsabilidade que supón representar o escudo deste club centenario.
A vosa esixencia fainos mellores e obríganos a estar á altura do que significa o club para a cidade, para Ferrolterra e para todos os racinguistas.