O Racing Club Ferrol oficializa o seu novo Club de Empresas 1919
A proposta creará un espazo de networking e sinerxias empresariais para os nosos patrocinadores
Arroupados polos nosos patrocinadores, e como parte do evento de peche da tempada que celebramos con eles en A Malata, esta mañá formalizamos a presentación do RCF Club de Empresas 1919. Unha iniciativa que nace co fin de potenciar ás firmas que colaboran estreitamente co club, co propósito de que saquen o máximo partido á súa vinculación co Racing.
Boa parte dese 82 mecenas estivo presente nunha sesión organizada da man de Mercedes-Benz Louzao, na que o presidente do club, Manuel Ansede, aproveitou para agradecer un respaldo que será determinante no horizonte inmediato que se lle presenta ao club.
"Estamos ante un novo punto de partida", recoñecía o mandatario, quen advertiu, ademais, que desde a propiedade do club se afronta esta circunstancia con idéntica "ambición e compromiso" que cando desembarcaron en 2017, co propósito de "reforzar a sostibilidade do proxecto e a súa identidade".
Manuel Ansede repasou os proxectos clave sobre os que o Racing asentará o seu crecemento, e que pasan pola construción da nova Cidade Deportiva de Mandiá, a reforma do Estadio de A Malata e a renovación do convenio co Concello de Ferrol para o uso das instalacións por 35 anos.
Unha mostra dos eventos estratéxicos que o Racing Club Ferrol pretende ofrecer aos seus patrocinadores foi, precisamente, esta xornada. Unha sesión que permitiu a Mercedes Benz Louzao ter contacto directo con outras empresas, creando sinerxias e un marco de colaboración. Louzao ofrecéu aos asistentes un test de condución dalgúns dos vehículos máis modernos da súa frota.
Cidade Deportiva
Manuel Ansede avanzou que, tras realizar as catas e estudos xeotécnicos, o club está pendente da aprobación do proxecto para que as obras poidan comezar o próximo mes. A nova Cidade Deportiva ubicarase na parroquia de Mandiá, sobre unha parcela de algo máis de doce hectáreas. A inversión ascenderá a preto de once millóns de euros e a actuación, que se desenvolverá en tres fases, permitirá contar con unhas instalacións de primeiro nivel acordes ao fútbol profesional. Será, ademais, a pedra angular para desenvolver o noso proxecto de canteira.
Reforma do Estadio de A Malata
Tras as melloras realizadas nos últimos anos, primeiro no Fondo Norte e despois no conxunto do estadio para a adecuación ás esixencias de LALIGA, no período comprendido entre 2024 e 2027 acometeranse novas melloras. Algúns xa en proceso, como a renovación da iluminación do terreo de xogo, e outras nun horizonte próximo, como a substitución da cuberta e a urbanización do contorno.
Renovación do convenio co Concello de Ferrol
A ampliación do convenio co Concello de Ferrol, que estamos próximos a pechar e que tería unha vixencia de 25 anos, con posibilidade de amplialo outros 10, daranos estabilidade a longo prazo, seguridade xurídica e permitiranos investir e acometer proxectos máis ambiciosos.
Fidelizar e consolidar a nosa masa social
Pero, sen dúbida, de forma inmediata, o noso gran reto —en palabras do presidente, Manuel Ansede— pasa por "fidelizar e consolidar a nosa masa social" e retirar o maior número posible dos 9.365 aboados que nos acompañaron na última campaña. Un propósito que confía en alcanzar recuperando a comunión, o vínculo e a identificación dos nosos seguidores co equipo. Ese "orgullo de ser racinguista" que se desatou hai catro tempadas naquel play-off de ascenso que se disputou en Vigo. "Non conseguimos o ascenso, pero a xente volveu a sentirse moi unida ao club", recordaba.
RCF Club de Empresas 1919
Un dos grandes fitos da xornada de hoxe foi, sen dúbida, a posta de longo do RCF Club de Empresas 1919, un proxecto que foi concibido como un "lugar de encontro para as empresas", tal e como explicaba durante a xornada o noso director de Márketing, Daniel Agra, "aportando valor e tratando de fomentar as relacións empresariais".
O obxectivo non é outro que crear un entorno propicio para o intercambio de ideas, xerando negocio e coñecemento a través de actividades e eventos específicos para os seus membros. Trátase, polo tanto, dunha excelente oportunidade para que as empresas de diferentes sectores gocen dun espazo xerador de sinerxias, creando relacións e desenvolvendo oportunidades de negocio, compartindo información e captando clientes potenciais.
Agra desgrouxou ante os asistentes a este evento os pormenores desta proposta, a través da cal se crearán liñas específicas de responsabilidade social empresarial, visibilidade e negocio, hospitality, experiencias e eventos para todas esas firmas que colaboran estreitamente con nós. "Entre os obxectivos que perseguimos —apuntaba— está ofrecer posibilidades de networking, desenvolver actividades de responsabilidade social corporativa, aumentar as vías de negocio para os nosos patrocinadores, axudarlles a posicionar e dar visibilidade ás súas empresas, ademais de fidelizar a provedores e clientes e ofrecerlles experiencias exclusivas".