O Polvo convértese na firma oficial de sastrería do Racing
A empresa fornecerá os traxes e a roupa de viaxe para os xogadores, o corpo técnico e os directivos.
O Racing Club Ferrol e elPulpo pecharon un acordo de colaboración polo cal a marca galega será a firma oficial de sastrería e roupa lifestyle do club. O presidente da entidade, Manuel Ansede, e o presidente e fundador da firma, José Antoni Chacón, asinaron esta mañá esta alianza pola que esta tempada e a próxima, elPulpo fornecerá ao club os traxes de sastrería e a roupa de viaxe para os xogadores do primeiro equipo, así como para o corpo técnico e directivos.
Os traxes teñen carácter exclusivo e foron confeccionados con tecidos innovadores e de máxima calidade, ademais dun deseño moderno e funcional, pensado para aportar a máxima comodidade nos desprazamentos. Os xogadores vestirán camiseta branca, sobrecamisa tailoring, pantalón jogger e unha prenda de abrigo. Todos eles están personalizados co escudo do club. elPulpo e a súa innovadora liña tecno-tailoring conseguen unhas prendas duradeiras, cómodas e versátiles que foron pensadas para cubrir as necesidades de todo o equipo. Á xa recoñecida calidade das prendas da firma súmase, ademais, a experiencia adquirida anteriormente no deseño de roupa deportiva para outros clubes e seleccións
Dende o Racing Club Ferrol sentímonos tremendamente satisfeitos de pechar este acordo que nos conecta directamente cunha marca referente no seu campo tanto a nivel nacional como autonómico coa que, ademais, compartimos valores de apego á nosa terra, sostibilidade e respecto ao medio ambiente. Esta alianza de valor supón tamén reforzar o compromiso que a nosa entidade ten coas firmas galegas.
“É un gran honor que José Antonio Chacón e elPulpo elixiran ao Racing Club Ferrol como embaixador da súa roupa”, explicaba o noso presidente, Manuel Ansede, durante a súa comparecencia. “A conexión entre marcas e clubes deportivos é fundamental e, neste caso, celébrase unha colaboración que resalta non só a moda, senón tamén os valores compartidos e a rica tradición galega”, afirmaba o mandatario, que continuou a súa exposición asegurando que “a visión de José Antonio reflicte un compromiso profundo coa historia e a identidade do Racing, así como unha aposta pola calidade en cada prenda. Esta alianza seguramente inspirará tanto aos afeccionados como aos xogadores, creando un sentido de orgullo e pertenza en cada partido. Estou emocionado coa firma deste acordo. Coñezo dende a infancia a José Antonio, recoñezo o seu esforzo, admiro a súa traxectoria e innovación constante no sector da moda. Moitas grazas elPulpo”
"Para nós é un honor vestir ao Racing Club Ferrol, un club co que compartimos raíces e valores. Nos enorgullece enormemente ser parte da súa historia e poder compartir a nosa visión da moda, a calidade e a tradición galega cun equipo que simboliza a loita constante polo éxito", concluía José Antonio Chacón, presidente de elPulpo durante o acto.