A firma convértese en aliada estratéxica do club para a próxima tempada
```html
O Racing Club Ferrol e Brico Depôt alcanzaron un acordo de patrocinio polo que a compañía se suma á familia racinguista como novo aliado estratéxico da entidade. Esta colaboración reforza a aposta do club por seguir medrando da man de empresas que son referentes no seu sector, comprometidas co proxecto deportivo e co entorno social e económico de Ferrolterra.
Durante a presentación oficial do acordo, que tivo lugar esta mañá nas dependencias do Racing Club Ferrol, en A Malata, Daniel Agra, director de Marketing do club, agradeceu á firma a "confianza" depositada no proxecto e a aposta decidida por unha entidade como a nosa, que continúa consolidando o seu crecemento máis alá do ámbito estritamente deportivo.
Agra explicou que nas últimas tres tempadas "o club desenvolveu unha identidade de marca e un plan estratéxico encamiñado a potenciar Ferrolterra", xerando un escenario específico para que as empresas poidan desenvolver esta identificación a través de accións como a creación do Club de Empresas RCF 1919, a campaña Eu Teño Corazón Racinguista ou a inauguración da Área 1919, unha nova zona de hospitality. En conxunto, o club pasou de colaborar con 30 empresas a contar con máis de 90 entidades, o que potenciou o seu impacto de marca e visibilidade.
Respecto a este acordo de colaboración con Brico Depôt, Agra puxo o foco en que se trata dun patrocinio que, máis alá da repercusión de imaxe, busca o crecemento do proxecto con activacións orientadas aos seus clientes, a masa social do club e o resto de firmas vinculadas á entidade.
Na mesma liña posicionouse Mattia Rossi Nais, Retail Store Marketing Manager de Brico Depôt Iberia, quen asegurou que "despois de 13 tempadas vinculados con Ferrolterra, queriamos dar un paso máis, apostando polo deporte galego e aproveitar os lazos e valores que nos unen: compromiso, superación e traballo en equipo". De aí esa aposta decidida, xa non só polo primeiro equipo —"que nos dá exposición e repercusión"—, senón tamén pola canteira e o equipo Genuine.
Ademais da súa presenza en soportes estáticos e dinámicos no estadio de A Malata, como a UTV, os videomarcadores ou diversas lonas, Brico Depôt terá visibilidade en RRSS e na roupa de quecemento do primeiro equipo, as categorías de base e o equipo de fútbol inclusivo.
Unha firma consolidada en España
Brico Depôt Iberia forma parte do Grupo Kingfisher, un dos grandes referentes europeos do sector da mellora do fogar. A compañía está presente na península ibérica desde 2003 e conta con 32 tendas e preto de 2.200 empregados en España e Portugal, mentres que Kingfisher suma máis de 1.100 tendas en 10 países europeos e preto de 6 millóns de clientes semanais.
En Ferrol, Brico Depôt inaugurou a súa tenda no parque comercial de O Boial o 29 de maio de 2013, sendo a primeira apertura da marca en Galicia e consolidando desde entón a súa presenza na comarca.
```