Skip to main content
Grupo JRilo prolonga o seu compromiso co Racing e será protagonista do derbi ante o Pontevedra

A corporación ferrolá, vinculada desde hai anos ao club, patrocinará o encontro da sexta xornada que se disputará este sábado na Malata

There are no reactions yet. Be the first!

Agradecidos pola súa cercanía, boa disposición e compromiso incondicional ao longo dos anos, esta mañá recibimos na Malata a Luis Rilo, director corporativo do Grupo JRilo, na presentación do partido patrocinado que a firma protagonizará este sábado con motivo da visita do Pontevedra CF.

A corporación ferrolá prolonga unha tempada máis o seu compromiso co Racing Club Ferrol. Unha colaboración que volve poñer de manifesto o seu vínculo co club e co territorio e que se mantén firme no tempo, máis alá da categoría ou do momento deportivo.

Ana Quintián, responsable de Márketing do Racing Club Ferrol, recibiu a Luis Rilo nun acto no que agradeceu ese apoio «histórico» e puxo en valor a filosofía da firma, «que ademais de desenvolver a súa actividade e medrar aquí, mantén unha relación moi estreita co seu entorno e con todas as iniciativas que forman parte da vida da nosa comarca». Quintián focalizou a atención sobre valores como o «esforzo, traballo, a ilusión» e o «desexo compartido de que Ferrol e Ferrolterra sigan medrando».

A relación entre Grupo JRilo e o Racing esténdese xa durante varias tempadas e forma parte dese grupo de empresas que acompañan ao club de maneira estable, contribuíndo ao crecemento dun proxecto que mantén unha estreita vinculación con Ferrol e a súa comarca. En anteriores ocasións, a compañía destacou a súa aposta polo deporte local e polo Racing como unha forma natural de devolver á cidade e a Ferrolterra parte de todo o que representan para a empresa.

Na mesma liña, Luis Rilo xustificaba esa colaboración explicando que «Grupo JRilo sempre estivo e vai seguir estando ao lado do Racing. Compartimos esa aspiración de volver a Segunda División, pero sabemos que non é doado e por iso imos estar apoiando agora e por moitos anos», sintetizaba.

Para o Racing, contar co respaldo continuado de empresas do entorno supón tamén reforzar a conexión entre o club e o tecido empresarial de Ferrolterra, unha relación que permite seguir construíndo un proxecto arraigado no seu territorio.

O acordo terá ademais o seu reflexo no partido deste sábado, no que Grupo JRilo contará cunha presenza destacada a través de diferentes soportes físicos e dixitais, tanto na Malata como nos canais oficiais do Racing Club Ferrol, dentro dos activos asociados ao partido patrocinado. Este tipo de accións permiten ao club ofrecer aos seus colaboradores diferentes espazos para reforzar a súa vinculación co Racing e coa súa afección.