Skip to main content
Intragral Motion / GAC reforzan o seu compromiso co Racing

A firma, colaboradora habitual do club desde hai seis tempadas, amplía a súa vinculación coa incorporación da marca de automoción eléctrica GAC

O Racing Club Ferrol e Integral Motion reforzan a relación que os une desde hai varias tempadas. A compañía mantén o seu apoio ao proxecto racinguista, ao que este ano se incorpora tamén GAC, firma chinesa de automoción 100 % eléctrica da que Integral Motion é concesionaria oficial na provincia da Coruña.

O presidente do Racing Club Ferrol, Manuel Ansede, recibiu esta mañá no estadio da Malata ao CEO de Integral Motion, Manuel Taboada Seoane, e ao presidente de GAC, Julián Alfonso Alonso, nun acto no que se escenificou a sinatura deste acordo de colaboración. Unha alianza que dá continuidade á aposta de Integral Motion polo club e amplía o seu alcance coa incorporación dunha marca que representa unha nova etapa no sector da automoción.

Para o Racing, este acordo supón tamén unha oportunidade de seguir estreitando a relación con empresas que confían no seu proxecto e contribúen ao seu desenvolvemento. Firmas firmemente arraigadas en Ferrolterra, que comparten co noso club o compromiso co crecemento do noso entorno máis próximo, sen renunciar á súa propia expansión.

O presidente do club, Manuel Ansede, agradeceu enormemente o apoio de Integral Motion e GAC nunha tempada que cualificou como “moi importante”, na que o Racing ten como obxectivo “regresar ao fútbol profesional e esta colaboración é un respaldo importante”. Tamén recoñeceu o “orgullo” que supón para a entidade contar coa confianza dun socio como Integral Motion e poder incorporar tamén o prestixio dunha marca como GAC tanto a nivel asiático como mundial.

Orgullo que compartiu Manuel Taboada, CEO de Integral Motion, quen puxo o acento sobre a “confianza no proxecto do Racing” que levou á firma que representa a renovar o seu apoio á entidade. “Esperamos que sexa por moitos anos”, sentenciaba.

GAC fixo do fútbol un vehículo para achegarse á xente, converténdose en colaborador de clubs arredor de todo o mundo. En España xa colabora con escuadras como o Villareal CF, Burgos CF ou Real Racing Club. Agora, en palabras de Julián Alfonso Montero, director xeral de GAC en España, puxo o seu punto de mira no Racing, “porque é un club que representa a unha comarca e a unha afección que se envorca cada fin de semana co seu equipo”. “Apostamos polo fútbol e polo deporte porque nos dá proximidade e abraza ás persoas”, aseguraba Julián Alfonso, quen adiantaba futuros descontos para os abonados do Racing Club Ferrol.

En nome da firma chinesa, o seu director xeral para España, Ricky Mu, aseguraba que esta colaboración era “un honor”, que lle permitía á empresa de automoción introducirse no mercado español.

En virtude deste acordo, Integral Motion e GAC incorpóranse aos principais aliados comerciais do Racing. O logotipo da firma estará presente nos pantalóns de xogo do primeiro equipo, ademais de contar con visibilidade noutros soportes físicos e dixitais do club.