Skip to main content

O club dá un paso máis na formación dos seus xogadores

Poñemos en marcha un programa de tecnificación individual para alevíns e infantís

There are no reactions yet. Be the first!

Co obxectivo de reforzar aspectos técnicos e tácticos que, pola dinámica habitual dos adestramentos colectivos, non sempre poden traballarse coa profundidade necesaria, esta tempada, o club puxo en marcha un programa específico de tecnificación individual, dirixido a xogadores de categorías infantil e alevín.

O programa está concibido como un complemento ao traballo semanal de equipo, enfocado na mellora persoal do xogador e na súa comprensión do xogo desde unha perspectiva individual. A iniciativa nace cunha idea clara: dotar ao futbolista de ferramentas individuais que lle permitan seguir medrando dentro do xogo

Metodoloxía de traballo

O plan de tecnificación baséase nun traballo específico en grupos reducidos, adaptado ás necesidades de cada perfil, o que permite un maior número de contactos co balón e unha atención máis personalizada por parte do corpo técnico. Ademais, incorpórase a análise mediante vídeo como apoio á aprendizaxe, facilitando a identificación de acertos e aspectos de mellora de forma visual e directa.

Cristian López estará ao cargo da tecnificación individual, para os xogadores de campo; mentres que Paco Fernández dirixirá o traballo específico cos porteiros. As sesións desenvolveranse nos campos de Atios, en Valdoviño, e Aneiros. Dende o Racing Club Ferrol queremos agradecer ao Concello de Valdoviño e á SD Valdoviño polas facilidades que nos deron para usar as súas instalacións.

Este proxecto supón un novo paso na aposta do club pola formación integral do xogador, reforzando o desenvolvemento individual sen perder de vista o crecemento colectivo e a mellora continua desde a base.