O CEIP Ledicia recíbenos cos brazos abertos
Markel Artetxe e Álvaro Juan visitaron o centro educativo para compartir a súa experiencia e os valores do club cos máis pequenos
O alumnado do CEIP Ledicia de Ferrol gozou dunha mañá especial coa visita ao centro educativo de dous dos nosos xogadores: Markel Artetxe e Álvaro Juan, que, aproveitando a xornada de descanso do equipo, compartiron o seu tempo cos máis pequenos.
Os alumnos recibíronnos con gran entusiasmo e aproveitaron a ocasión para coñecer de primeira man a experiencia de vestir a camiseta do Racing. Markel Artetxe e Álvaro Juan compartiron anécdotas do seu día a día, falaron da importancia do traballo en equipo, do esforzo e do respecto, tanto dentro como fóra do campo.
Durante o encontro, os xogadores tamén destacaron os valores de compromiso, disciplina e responsabilidade que se traballan tanto no fútbol como no colexio. Os nenos e nenas de Ledicia tiveron a oportunidade de facer preguntas, fotografarse con eles e sentirse moito máis preto do equipo.
A toda a comunidade educativa do CEIP Ledicia queremos amosarlles o noso máis profundo agradecemento pola invitación, a acollida e o afecto que nos demostraron. Para nós é un pracer rodearnos dun viveiro tan fiel e entusiasta de racinguistas que representa o futuro deste club.