"A Nosa Champions", a escena
A cita desenvólvese o sábado no campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa
A segunda xornada de “A Nosa Champions” leva ao noso equipo de fútbol inclusivo a Vilagarcía, onde o sábado, no Campo Municipal de Berdón, afrontará unha nova sesión deste torneo organizado pola Federación Galega de Fútbol.
Pabellón Ourense, Racing Villalbés e FC Ortigueira son os outros tres equipos que quedaron encadrados no noso grupo. A sesión contará tamén coa presenza do Vilagarcía, Celta Integra, EFMC Boiro, Fundación Dépor, Torre SD, SR Calo e Eirís, o que dá boa conta do gran interese que espertou esta segunda tempada a competición. De feito, pasouse das seis escuadras que participaron o pasado exercicio ás doce que participan esta tempada de forma habitual, un exemplo de inclusión e integración no ámbito do deporte.
Ortigueira será, nas próximas semanas, sede dunha nova cita. Ademais, “A Nosa Champions” conta esta campaña co aliciente de que dela sairán os integrantes da selección galega que competirá no Campionato de España de Fútbol Praia inclusivo.