O Barakaldo CF pon a proba a consistencia do Racing
O duelo dispútase mañá, ás 18.15 horas, na Malata
A Malata acolle mañá, a partir das 18:15 horas, un duelo de gran importancia nas aspiracións racinguistas. Este encontro, correspondente á 29.ª xornada do campionato de liga en Primeira Federación Liga E-Learning, non é unha final, pero a visita dun adversario directo na loita polos postos de play-off, como é o Barakaldo CF, engadirá esixencia a un Racing que afronta o encontro confiado en facerse cada vez máis forte na casa.
Tras derrotar ao CP Cacereño hai quince días e empatar fronte ao Ourense CF a pasada xornada, unha vitoria fronte ao Barakaldo daríalle ao Racing a consistencia e regularidade que persegue desde hai tempo. Esa que, inevitablemente, como o propio adestrador lembraba na previa do encontro, ten que facelo escalar posicións na clasificación.
Para o encontro, Romo recupera respecto ao último partido a Álvaro Juan e Antón Escobar, sendo o sancionado Álex Zalaya a única ausencia prevista nas filas ferrolás.
No bando contrario, De la Sota desprazase a Ferrol coas baixas de Urtzi, Unai Naveira, José de León e Álvaro Peña.