En familia, moito mellor
Numerosos racinguistas acompañaron ao equipo no adestramento de portas abertas celebrado nesta xornada festiva
Xornada moi especial a que vivimos esta mañá no campo de A Gándara, con motivo do adestramento a portas abertas programado para esta festividade do Día do Pai.
Decenas de afeccionados non quixeron perder a oportunidade de achegarse para ver de preto o traballo do conxunto verde. Dende as bancadas, o público puido seguir con atención cada exercicio, gozando do esforzo e da intensidade coa que o plantel prepara o seu importante compromiso do domingo ante o Barakaldo CF en A Malata.
Un ambiente inmellorable, con presenza destacada de familias e mozos racinguistas, que animaron durante toda a sesión, xerando unha conexión moi especial entre equipo e afección.
Unha vez rematado o adestramento, os xogadores responderon a tanto afecto asinando autógrafos e posando para fotografías, sen dúbida o momento máis agardado polos máis pequenos da familia racinguista.
Grazas a todos por compartir con nós estes momentos.