Skip to main content

Migue Leal e Pascu comparten radio e deporte no CEIP San Xoán de Filgueira

A actividade forma parte do programa de visitas a centros educativos que promove a Fundación Racing Club Ferrol

There are no reactions yet. Be the first!

Os xogadores do Racing Club Ferrol Migue Leal e Pascu visitaron o CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira para compartir unha mañá diferente co alumnado do centro. A actividade enmárcase no programa de visitas a centros educativos que impulsa a entidade, a través da Fundación Racing Club Ferrol, para reforzar os valores do deporte e do racinguismo entre os máis novos.

Durante a visita, Migue Leal e Pascu participaron no programa radiofónico “San Xoán nas ondas”, no que foron entrevistados por tres alumnos do colexio. Os estudantes exerceron de xornalistas por un día, formuláronlles preguntas sobre a súa traxectoria, a súa vida como futbolistas e algunhas das súas experiencias máis especiais ligadas ao fútbol.

Finalizado o programa, eses tres alumnos convertéronse en anfitrións e guiaron aos xogadores polas instalacións do centro educativo, amosándolles o horto escolar, varias aulas e algúns dos espazos máis significativos do colexio. Houbo tempo tamén para o xogo: Migue Leal e Pascu animáronse a disputar algúns puntos de tenis de mesa, unha das actividades deportivas máis arraigadas no CEIP San Xoán de Filgueira.

A xornada concluíu cun encontro aberto co alumnado e membros da comunidade educativa, no que os escolares puideron formular novas preguntas e curiosidades. Os xogadores do Racing aproveitaron para insistir na importancia do esforzo diario, o compañeirismo e a compatibilidade entre estudos e deporte, mensaxes que forman parte dos valores que o club quere trasladar neste tipo de iniciativas.

Desde o Racing, queremos agradecer a toda a comunidade educativa do CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira a excelente acollida e o agarimo co que todo o alumnado e o persoal do centro nos recibiron.