Skip to main content

A Malata abre as súas portas ao alumnado do Colexio San Rosendo

Os nenos e nenas coñeceron de primeira man o traballo do equipo e achegáronse á historia e aos valores do club

There are no reactions yet. Be the first!

O alumnado de 5º e 6º de Primaria do Colexio San Rosendo visitounos este venres no Estadio da Malata e tivo a oportunidade de coñecer de primeira man o día a día do club. Os nenos e nenas seguiron en directo unha sesión de adestramento do primeiro equipo, falaron cos xogadores e achegáronse á realidade do fútbol profesional desde dentro.

Durante a actividade, o grupo percorreu diferentes espazos do estadio e escoitou explicacións sobre a historia do Racing, así como sobre os valores que identifican ao club dentro e fóra do terreo de xogo: equipo, esforzo, compromiso, humildade e resiliencia, así como ese sentimento de pertenza que nos une á comarca. Este tipo de actividades permiten reforzar o vínculo coas novas xeracións.

Desde o Racing Club Ferrol estamos convencidos de que o futuro do racinguismo tamén se constrúe desde as aulas, implicando aos centros educativos e ofrecendo experiencias que combinan aprendizaxe e ilusión. Neste contexto impulsamos visitas e iniciativas que acheguen o día a día da entidade aos máis pequenos.

O Racing quere agradecer ao Colexio San Rosendo a súa participación nesta visita e o agarimo e respecto que alumnado e profesorado nos amosaron. Agardamos que levasen da Malata un recordo inesquecible e que esta experiencia contribúa a que sigan vivindo o fútbol e ao Racing con entusiasmo.