Jotun, unha aposta segura
A firma será a protagonista do partido patrocinado do vindeiro domingo ante o Real Avilés Industrial
Contar co respaldo de empresas líderes no seu sector e cunha traxectoria centenaria como Jotun é unha das grandes fortalezas do Racing Club Ferrol. A firma, recoñecida referencia no seu sector e cunha sólida implantación en Ferrolterra, protagonizará o partido patrocinado deste domingo (20:30 horas) ante o Real Avilés Industrial en A Malata.
Na presentación do encontro participaron Diego Castro, director técnico de Jotun, e Daniel Agra, director de Marketing do Racing Club Ferrol, nun acto que puxo de manifesto a excelente relación que une a ambas entidades.
Diego González, director técnico, expresou o compromiso de Jotun co proxecto racinguista, destacando o orgullo que supón para a compañía formar parte da familia racinguista e apoiar a un club que representa valores similares aos da compañía: "familia, coidado, valentía, respecto...". Castro tamén puxo o foco na importancia que supón para unha empresa como a que representa tomar parte nun proxecto como o noso, que lle permite "devolver algo á sociedade, o que para nós é unha cuestión de responsabilidade moral". Ademais, tivo palabras de optimismo para o club e para a comarca, lembrando que "Ferrol volve estar de moda e volve ser referente na industria internacional, e nós estaremos apoiando ao Racing sempre que poidamos".
Pola súa banda, Daniel Agra agradeceu publicamente o apoio de Jotun, poñendo en valor a implicación dunha empresa que soubo entender a filosofía do club e que contribúe de maneira activa ao seu crecemento. “Empresas como Jotun son fundamentais para o noso proxecto. A súa confianza motívanos a seguir traballando coa mesma intensidade dentro e fóra do terreo de xogo”, sinalou o responsable de Marketing racinguista.
Como protagonista deste partido patrocinado, Jotun contará cunha maior visibilidade en soportes físicos e dixitais, tanto no estadio de A Malata como nos canais oficiais do club.