A nova iluminación do Estadio de A Malata está xa operativa
As melloras foron acometidas grazas a un convenio de colaboración entre o Concello de Ferrol e a Deputación da Coruña
A Malata estreará esta tempada un novo sistema de iluminación, tras concluír as obras de substitución do alumeado realizadas nos últimos meses. A actuación é froito dun convenio de colaboración asinado entre o Concello de Ferrol e a Deputación da Coruña, que permitiu a ambas entidades cofinanciar o millón e medio de euros investido nas melloras.
A obra incluíu a renovación integral da instalación luminosa, que contaba con trinta anos de antigüidade, así como a execución dun novo proxecto con tecnoloxía LED. Durante os traballos, retiráronse 67 luminarias das torres e 120 das viseiras. Ademais, renovouse o cableado, acondicionáronse dependencias para albergar un novo grupo electróxeno, remodeláronse as torres que soportan os focos e instalouse un novo sistema de pararraios.
En total, A Malata dispón agora de 228 luminarias con control DMX, que cumpren cos requisitos esixidos para retransmisións televisivas de carácter profesional. Un operativo de alta eficiencia que, ademais, permitirá a realización de espectáculos de luces.
O presidente do club, Manuel Ansede, acompañou ao alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e ao presidente da Deputación, Valentín González Formoso, nunha visita ás instalacións de A Malata, onde puideron comprobar o correcto funcionamento do novo sistema luminoso.