Skip to main content
Tarragona, unha estrea para gardar na memoria

O Racing Genuine abre a súa cuarta tempada na LALIGA Genuine Moeve nunha primeira cita chea de emoción e compañeirismo

Fútbol, convivencia e amizade, sobre estes tres piares asentouse a primeira xornada de LALIGA Genuine Moeve, que do venres ao domingo se disputou en Tarragona e que deparou para os nosos futbolistas unha fin de semana inesquecible. 

O equipo volve a casa tras estrear a súa cuarta tempada consecutiva no campionato. A súa aventura comezou o venres coa cerimonia inaugural no Nou Estadi Costa Daurada, a casa do Nàstic, anfitrión desta primeira cita. Alí os nosos xogadores desfilaron xunto aos outros 49 equipos participantes, cada un ao ritmo do seu himno, e co agarimo das familias e os afeccionados chegados de todos os recunchos do país. Antes, o equipo gozou dunha mañá en PortAventura World, cunha xincana polo parque e un xantar compartido co resto de equipos.

O sábado e o domingo chegou a quenda de saltar ao campo. No Mediterranean Sports Hub, o Racing Genuine enfrontouse á UD Ibiza, ao Levante UD EDI e á Fundación Málaga CF. Foron tres partidos nos que os nosos xogadores volveron demostrar que o respecto, a ilusión e o traballo en equipo importan moito máis que calquera marcador.

O domingo pechouse coa tradicional entrega de medallas, o momento máis emotivo de cada sede. Todos os participantes recibiron o seu recoñecemento polo esforzo, a dedicación e os valores que demostraron durante a fin de semana.

Con esa mesma idea naceu en 2021 o noso proxecto de fútbol inclusivo, que pon o foco no compañeirismo, a tolerancia, a diversidade, a inclusión e, sobre todo, no crecemento persoal e deportivo dos nosos xogadores. Tarragona foi só o primeiro paso. A seguinte parada será Pamplona, do 5 ao 7 de marzo, co CA Osasuna como anfitrión.