O conxunto de Javi Vázquez visita este domingo, ás 12.00 horas, á UD Ourense nun derbi galego ao que chega coas baixas de Lucas Díaz, Fabio e Monju
Toca dar un paso adiante. O Racing Club Ferrol visita este domingo, ás 12.00 horas, o estadio de O Couto para enfrontarse á UD Ourense na decimoterceira xornada de Primeira Federación, cun obxectivo moi claro: volver á senda do triunfo. Aínda que deportivamente o equipo está a bo nivel, non acaba de rendibilizar e traducir en puntos todas as ocasións que xera. O gol resísteselle nas últimas semanas.
Lonxe de buscar escusas, Javi Vázquez puxo o foco na autocrítica e no traballo. «Podemos chorar e queixarnos ou asumir a responsabilidade e esixencia de onde estamos e seguir traballando para ser aínda mellores», aseguraba o técnico na previa do encontro. Unha idea que o grupo trasladou aos adestramentos desta semana, nos que se traballaron especificamente situacións da fase ofensiva, como a ubicación no último cuarto de campo, co obxectivo de transformar en goles o volume de xogo que o equipo é capaz de xerar.
«Cando non gañas parece todo peor, pero o certo é que temos que seguir facendo o 99 % das cousas que xa faciamos», advertía o preparador, que poñía o foco en que «debemos evitar que a ansiedade nos afaste do que somos, porque estamos no bo camiño».
O Racing ocupa a oitava posición con 18 puntos, moi preto dos postos de promoción, e quere aproveitar este desprazamento para volver engancharse á parte alta da táboa.
En fronte estará unha UD Ourense recén ascendida que pecha a clasificación con oito puntos, despois de sumar dúas vitorias, dous empates e oito derrotas. O conxunto ourensán estrea etapa no banco con Agustín Ruiz, que se fixo cargo do equipo a comezos de mes, e chega á cita tras caer no seu último partido en O Couto ante o Mérida (1-3). A súa situación convérteo nun rival necesitado e, por iso, perigoso.
Convocatoria
Javi Vázquez non poderá contar con Fabio nin con Monjonell, que cumpren ciclo de amonestacións, nin con Lucas Díaz, que perderá o que resta de tempada tras a luxación acromioclavicular que sufriu no ombreiro esquerdo ante o Bilbao Athletic. Si estarán dispoñibles Raúl Blanco, que xa adestrou con normalidade tras as molestias nun pé que lle impediron xogar o último partido, e Edgar Pujol, tras a súa convocatoria coa selección da República Dominicana. Se a RFEF axiliza a tramitación da súa ficha, tamén podería entrar na convocatoria o porteiro Miguel Morro, que esta mesma semana se sumou á disciplina do club.
Preto de medio milleiro de racinguistas acompañarán ao equipo en O Couto, que, como xa ocorreu este ano en Riazor ou en Lugo, tinguirá as súas bancadas de verde.