Álex López asume a dirección da canteira do Racing Club Ferrol
O ferrolán tamén estará integrado no equipo de traballo da dirección de fútbol.
Reforzar a nosa aposta polo talento futbolístico da comarca é un dos eixes estratéxicos do noso proxecto a curto e medio prazo. Ese compromiso levounos a reforzar e reformular a estrutura da nosa canteira. Esta parcela, que consideramos fundamental, dependerá directamente da dirección de fútbol e contará cunha figura do calibre de Álex López como director.
Ademais de ser "un guía e un referente" para a nosa canteira, tal e como explicou o presidente do club, Manuel Ansede, na súa presentación, Álex López aportará todo o coñecemento adquirido na súa extensa carreira profesional como futbolista, que o levou polo fútbol inglés e australiano, ademais de por algúns das canteiras máis notables do fútbol español.
O que até a pasada tempada foi o noso capitán sobre o terreo de xogo, pasa agora a comandar un equipo de traballo que contará coa axuda de Diego Garrido. Garrido asumirá a dirección do noso equipo Genuine, un dos pilares do noso proxecto social, no que xa realizou unha labor encomiábel nas últimas tempadas. Ademais, desempeñará outras funcións administrativas relacionadas co fútbol base e sumará esforzos para impulsar de forma definitiva a nosa Fundación.
Doutra banda, Manolo Mesa colaborará estreitamente nas relacións institucionais cos clubes, aportando o notable coñecemento do fútbol local que acumulou durante toda unha carreira estreitamente vinculada ao deporte da comarca.
As primeiras palabras de Álex López como director de canteira foron, precisamente, para os seus predecesores no organigrama do club; as segundas, para técnicos, xogadores e familias, a quen pediu desculpas polo impás vivido nas últimas semanas e paciencia para poder poñerse ao día.
Fomentar o sentido de pertenza, formar integralmente aos xogadores —non só para o fútbol, senón tamén para a vida— e proporcionarlles ferramentas de traballo axeitadas, son algunhas das liñas mestras na folla de ruta de Álex López, quen fixo especial fincapé en dous aspectos clave: desenvolver unha metodoloxía de traballo recoñecible e achegar a entidade a outros clubes da comarca.