O Racing recibe mañá ás 16.30 horas ao Pontevedra CF
A Malata vístese de derbi. O Racing Club Ferrol recibe mañá, sábado, ás 16.30 horas, ao Pontevedra CF na sexta xornada de Primeira Federación, nun partido que enfronta a dous equipos separados por apenas un punto na clasificación e que chega despois dunha semana agridoce na casa verde.
E é que, se ben o equipo que dirixe Javi Vázquez non obtivo premio algún na súa visita da pasada semana ao CD Lugo, as boas sensacións que deixou o seu equipo e a comuñón que a súa entrega e combatividade xeraron coa afección son un inmejorable combustible para seguir impulsando o proxecto verde.
Durante a semana, Javi Vázquez insistiu na necesidade de corrixir algúns aspectos defensivos e seguir medrando sen converter a falta de acerto nunha obsesión. "Gústame o que vin en Lugo e sei que estamos no bo camiño", aseguraba na previa o preparador.
As dúas vitorias previas en A Malata, onde o equipo sumou seis dos sete puntos que luce no seu casilleiro, supoñen tamén un bo punto de partida de cara a un derbi que augura rivalidade e emoción.
O técnico racinguista so conta para este partido coas baixas do lesionado Álvaro Juan e de Edgar Climent Pujol, convocado coa selección da República Dominicana. Aínda así, o preparador anunciou que introducirá cambios no once. A competencia interna e a participación de todos os futbolistas forman parte dunha idea que Vázquez considera fundamental para afrontar unha tempada de 38 xornadas. "Esta semana haberá cambios 100 %", confirmou na previa.
En fronte estará un Pontevedra que chega a A Malata con oito puntos. Rubén Domínguez volverá, ademais, a sentar no banco visitante de A Malata despois de cumprir varios partidos de sanción.
O primeiro derbi galego da tempada en A Malata preséntase como un partido diferente, dos que esixen máxima concentración e nos que cada detalle pode resultar determinante. A afección ferrolá volcouse co equipo en Lugo e, agora, na casa, volverá ter un papel importante.
O Racing quere volver facer de A Malata un escenario ao seu favor, cunha idea clara: seguir medrando, competir mellor e transformar en resultados todo o que o equipo está amosando sobre o céspede.
Alto risco
O partido, no que estarán presentes algo máis de 300 seguidores pontevedreses, foi declarado de alto risco, polo que non haberá entradas á venda na xornada de mañá nin na billeteira nin vía telemática.
Por outra banda, desde o Racing Club Ferrol lembramos aos abonados que teñen a súa localidade asignada no sector N de Preferencia que, debido ás obras de conservación e mellora do estadio de A Malata, deberán reubicarse no sector K, na súa mesma fila e asento.