A colocación dos tepes de céspede natural comezou e dará paso á instalación das fibras artificiais que completarán o terreo híbrido
A adecuación do campo de herba natural da Cidade Deportiva de Mandiá entra xa na súa recta final. Na xornada de onte comezaron a colocarse os tepes de céspede natural, que chegarán ás instalacións en forma de 462 grandes rolos de máis dunha tonelada de peso.
O tapiz está composto por dúas especies de herba cultivadas previamente noutra localización e está especificamente deseñado para a práctica do fútbol.
Os traballos de colocación desta «alfombra» prolongaranse durante tres ou catro días. Posteriormente, coseranse fibras de céspede artificial, que converten o terreo nun sistema híbrido. Esta segunda operación está previsto que se realice a próxima semana, na que se traballará de forma ininterrompida durante as 24 horas do día. A superficie de céspede habilitada será de 8.214 metros cadrados.
Se as condicións meteorolóxicas son favorables, unha vez completado o proceso de asentamento e enraizamento do céspede, o equipo poderá comezar a adestrarse en apenas dúas semanas no novo terreo de xogo.
Nas últimas semanas, a actividade no que será a nosa nova cidade deportiva foi continua. Instalouse a rede de drenaxe e recollida de pluviais, todo o sistema de rego e drenaxe perimetral e adecuouse o terreo, cunha base de terra vexetal, sobre o que se asentarán agora os tepes de herba.
- +4