Skip to main content
Desembargo verde en Lugo

O Racing enfróntase mañá ao CD Lugo con máis de 1.200 racinguistas nas bancadas

There are no reactions yet. Be the first!

Arroupados por máis de 1.200 racinguistas, mañá desembarcamos no Anxo Carro para disputar o primeiro gran derbi da tempada. A partir das 16.30 horas, e con motivo da quinta xornada da competición en Primeira Federación, o Racing Club Ferrol visita ao CD Lugo coa intención de dar continuidade ao gran momento que atravesa o equipo. 

Os triunfos ante o Real Unión e o Barakaldo permitiron ao Racing sumar seis puntos nas dúas últimas xornadas, pero, máis alá dos resultados, o equipo deixou boas sensacións nas súas últimas actuacións. A intensidade, a verticalidade e a capacidade para competir convertéronse nalgúns dos sinais de identidade dun conxunto que continúa medrando e mostrando unha imaxe cada vez máis recoñecible.

O Racing afronta agora unha proba diferente ante un CD Lugo invicto, que tamén chega ao derbi despois de gañar no seu último compromiso na Ruta de la Plata ao Zamora CF (1-2). 

Será, polo tanto, un novo exame para un Racing que quere trasladar fóra da casa as boas sensacións que está mostrando na Malata. 

O Racing contará coas únicas ausencias de Álvaro Juan, que se recupera da súa doenza no xeonllo, e Edgar Pujol, convocado coa selección da República Dominicana. Polo demais, Javi Vázquez poderá contar con todos os seus efectivos. 

Pero se hai un elemento especialmente motivador neste duelo será, sen dúbida, o respaldo da afección racinguista. A marea verde, máis motivada ca nunca, será o noso principal apoio en territorio lucense.