A Malata acollerá o Galicia–Asturias da XIV Copa de Rexións UEFA
O duelo disputarase o mércores 18, ás 18.00 horas, con entrada gratuíta.
O estadio da Malata será o escenario do encontro entre as seleccións de Galicia e Asturias, correspondente á eliminatoria da XIV Copa de Rexións UEFA, que se disputará o mércores 28 de xaneiro ás 18:00 horas, con acceso gratuíto para o público.
A cita foi presentada esta mañá nun acto no que participaron o concelleiro de Deportes do Concello de Ferrol, Ricardo Aldrey; o presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto; o presidente do Racing Club Ferrol, Manuel Ansede; e o seleccionador do combinado galego, o ferrolán Manolo García.
Durante a presentación puxéronse en valor a importancia de que Ferrol volva situarse no foco do fútbol estatal coa celebración dun evento deportivo de primeiro nivel, así como o papel do estadio da Malata como infraestrutura preparada para albergar competicións de máxima relevancia.
Desde o Racing Club Ferrol destacouse a satisfacción por colaborar na organización dun encontro que reforza o vínculo histórico da cidade co fútbol e que permite á afección ferrolá gozar dun partido oficial de carácter nacional no seu estadio.
O vencedor do encontro logrará a clasificación para a fase final nacional da Copa de Rexións UEFA, que se celebrará o próximo 1 de marzo en Madrid.
Para acceder ao partido será necesario retirar entrada, que poderá recollerse de forma anticipada nas oficinas da Real Federación Galega de Fútbol en Ferrol (rúa Venezuela, 4), nas oficinas do Racing Club Ferrol na Malata, así como tamén nas portas do estadio da Malata nos momentos previos ao inicio do encontro.