A importancia de ser fortes na Malata
O Racing recibe mañá domingo, ás 20.30 horas, ao CP Cacereño
Ser fortes na Malata será determinante para que o Racing cumpra os obxectivos marcados esta tempada. A clasificación para o play-off de ascenso pasa por sumar vitorias na casa, de aí que o duelo que mañá enfrontará ao equipo verde co Club Polideportivo Cacereño teña un valor especial nas nosas aspiracións.
O encontro, correspondente á 27.ª xornada da liga Versus E-Learning de Primeira Federación, disputarase ás 20:30 horas e será unha boa oportunidade para que o Racing mellore as súas prestacións respecto ao último compromiso, hai unha semana ante o CF Talavera. Ambos partidos gardan certo paralelismo, con rivais que loitan por saír da zona baixa da clasificación, aínda que o equipo ferrolán pretende que o resultado sexa ben distinto.
Guillermo Fernández Romo insistiu durante a semana na importancia dos pequenos detalles, o valor do rendemento individual ao servizo do colectivo e a necesidade de manter a concentración de principio a fin.
Para a confrontación, é baixa segura Álex Zalaya, que cumpre o seu segundo partido de sanción. Ademais, Chema será dúbida pois, aínda que recibiu a alta médica das molestias musculares na coxa que o tiveron no dique seco nas últimas semanas e realizou algunhas sesións de adestramento xunto cos seus compañeiros, padece uns problemas nas costas que deixan no aire a súa participación.
Tras recibir a alta médica e adestrar con normalidade durante a semana, a presenza de Chema será a principal novidade nun equipo que deberá prescindir de novo de Álex Zalaya, sancionado por segundo partido consecutivo.
Co apoio da afección na Malata, o Racing confía en prolongar a súa fortaleza como local e dar un paso máis cara aos obxectivos da tempada.