A estación de radio de Mandiá albergará a nosa nova Cidade Deportiva.
A Fundación Racing Club Ferrol asinou esta mañá as escrituras de compravenda da parcela, propiedade do Concello de Ferrol.
A Fundación Racing Club Ferrol formalizou esta mañá a adquisición dunha parcela na parroquia de Mandiá, propiedade do Concello de Ferrol, co propósito de que albergue a nosa nova cidade deportiva. Damos así o primeiro paso para encamiñar un dos proxectos clave no plan estratéxico do club, que nos permitirá contar cunhas instalacións de traballo acordes ás necesidades do fútbol profesional, ademais de dotarnos das ferramentas necesarias para o desenvolvemento axeitado da nosa canteira.
O presidente da Fundación Racing Club Ferrol, Juan Pazos, e o alcalde da cidade, José Manuel Rey Varela, procederon á sinatura das escrituras de compravenda que converten ao club, a través da súa fundación, no propietario do terreo no que antigamente se ubicaba a Estación Radio da Armada. No acto estivo tamén presente o presidente da entidade, Manuel Ansede.
A adquisición deste espazo suporá para a fundación un desembolso de 550.000 €, que serán aboados en dous pagos. O primeiro deles, correspondente ao 50 % da cantidade, xa se fixo efectivo; mentres que o segundo, coa garantía solidaria do propio club, realizarase dentro dun ano.
A parcela, ubicada no lugar de Muiño do Vento, ten unha superficie de 124.734 m² e acondicionarase en varias fases. Na primeira delas acometeranse as necesidades perentorias que permitan dotar ao primeiro equipo, de forma inmediata, dun campo de adestramento de herba natural e unhas instalacións de apoio.
O de hoxe é un fito histórico para o Racing Club Ferrol que, por primeira vez en seus 105 anos de historia, disporá dun patrimonio propio.
A nosa nova cidade deportiva será a casa do racinguismo, dende a que poderemos proxectar o noso crecemento deportivo e social.