A Clínica Dental Patricia Aneiros renova o seu compromiso co Racing
A firma será a protagonista do partido patrocinado que disputaremos o domingo ante o Unionistas de Salamanca
Con orgullo e responsabilidade, a Clínica Dental Patricia Aneiros renovou, unha tempada máis, o seu compromiso co Racing Club Ferrol. Un respaldo que a súa xerente, Patricia Aneiros, puxo de manifesto onte durante a presentación da firma como protagonista do partido patrocinado deste domingo ante o Unionistas de Salamanca.
O director de márketing do club, Daniel Agra, exerceu de anfitrión nun acto no que se puxo de manifesto a boa sintonía que desenvolvemos nestes anos de colaboración. “Dar visibilidade e notoriedade a este tipo de acordos é importante para nós porque o vemos como parte da identidade e valores racinguistas: trátase dun negocio local, con máis de 20 anos de historia e que está especializado no traballo con nenos, que para nós é un colectivo clave”, explicaba Agra.
O responsable da área de márketing do Racing tamén puxo en valor o feito de que Patricia Aneiros fose unha das primeiras firmas que manifestase a súa intención de seguir colaborando co club, independentemente da categoría na que este estivese.
Unha circunstancia que a xerente reafirmou insistindo en que para o negocio que dirixe “é un pracer e un orgullo formar parte desta familia” e dun proxecto que considera “ilusionante” e ao que lle augura “éxitos futuros que viviremos como unha vitoria colectiva”.
“Compartimos valores como o traballo en equipo e a busca do ben común, que son os que contribúen á creación dunha sociedade máis cooperativa e de progreso”, apuntaba Aneiros ao explicar este apoio.
Como protagonista deste partido patrocinado, a firma terá, entre outras contraprestacións, unha maior visibilidade en soportes físicos e dixitais, tanto no estadio da Malata como nas redes sociais do club.