Skip to main content
Racing Genuine pecha en Burgos unha nova cita de LALIGA GENUINE Moeve

A cita volveu postularse como unha auténtica "escola de valores"

There are no reactions yet. Be the first!

Racing Club Ferrol Genuine completou esta fin de semana a súa participación na terceira xornada de LALIGA GENUINE Moeve, celebrada na Cidade Deportiva do Burgos CF, nunha cita marcada pola convivencia, o compañeirismo e os valores que definen esta competición impulsada por LALIGA a través da Fundación LALIGA.

A expedición racinguista volveu vivir unha experiencia moi especial dentro e fóra do terreo de xogo, nunha sede que reuniu equipos de todo o país e que volveu poñer de manifesto o verdadeiro espírito de LALIGA GENUINE Moeve: gozar do fútbol como unha ferramenta de inclusiónrespecto e transformación social.

Durante a fin de semana, o Racing Genuine enfrontouse a dous encontros ante o Athletic Club Fundazioa e o Real Sporting de Gijón, nun ambiente de ilusión, esforzo e deportividade, acompañado polo seu corpo técnico, familiares e membros do club. Máis alá do resultado, a xornada volveu servir para seguir medrando como equipo e para reforzar os vínculos que fan posible este proxecto, dentro e fóra do campo.

Ademais, a sede de Burgos deixou momentos moi emotivos, como a tradicional entrega de medallas, na que todos os participantes foron recoñecidos polo seu esforzo, compromiso e participación durante a fin de semana. Ese peche simbólico volveu reflectir a esencia dunha competición que se consolidou como un referente do deporte inclusivo en España.

Con esta terceira parada do calendario, o Racing Club Ferrol Genuine mantén vivo o seu camiño nunha tempada que segue sumando aprendizaxes, experiencias e recordos imborrables para os seus futbolistas. Aínda queda por diante a última xornada, que se disputará en Madrid, na fase final de LALIGA GENUINE Moeve, prevista do 19 ao 21 de xuño de 2026 na Cidade do Fútbol da RFEF en Las Rozas, onde se decidirán os títulos da tempada.