Skip to main content
A Cidade Deportiva de Mandiá avanza cara á posta en marcha do seu primeiro terreo de xogo

O primeiro equipo iniciará a pretempada na Gándara mentres conclúen os traballos do campo de céspede híbrido, unha infraestrutura que marcará o inicio da actividade nas novas instalacións racinguistas.

There are no reactions yet. Be the first!

O primeiro equipo do Racing Club Ferrol comezará a pretempada adestrándose no campo da Gándara. Non obstante, as obras do primeiro terreo de xogo da Cidade Deportiva de Mandiá avanzan cara á súa recta final para que o equipo poida trasladar alí a súa actividade en canto rematen os traballos de acondicionamento.

As empresas Prace e Calfensa, responsables da execución destes primeiros traballos, afrontan xa a fase final dun proxecto que permitirá ao primeiro equipo dispoñer moi pronto do seu novo espazo de adestramento.

De feito, a adecuación do terreo de xogo entra xa na súa última etapa. Unha vez completada a capa de drenaxe, o seguinte paso será estender a area sobre a que se colocarán os tepes de céspede. Conseguir un correcto enraizamento constitúe unha das fases máis delicadas do proceso, xa que require unhas condicións óptimas de humidade, temperatura e, especialmente, rega. Para garantir o subministro de auga necesario durante este período, está prevista a escavación dun pozo que complementará o achegue hídrico imprescindible para o mantemento do terreo de xogo.

Obras previas

Durante os últimos meses, a parcela da antiga Estación Radio Muiño do Vento experimentou unha profunda transformación, froito duns traballos que, en moitos casos, non resultan apreciables a simple vista. A empresa Prace executou a rede de pluviais e saneamento, as canalizacións eléctricas e o alumeado, ademais do peche perimetral da instalación e a construción do aparcadoiro situado xunto ao acceso principal.

Así mesmo, levou a cabo a adecuación do terreo onde se ubicará o campo de herba natural e os movementos de terra da parcela destinada ao futuro campo de herba artificial, cuxa construción constituirá o seguinte paso no desenvolvemento da cidade deportiva.

En total, durante estes meses movéronse máis de 8.300 metros cúbicos de terra. As persistentes choivas rexistradas entre novembro e abril complicaron notablemente estas labores, chegando incluso a impedir en determinados momentos as escavacións debido ao carácter arxiloso do terreo e á imposibilidade de operar con maquinaria pesada.

Esta circunstancia fixo necesario achegar máis de 1.400 metros cúbicos de pedra e 4.250 metros cúbicos de zahorra artificial, creando así unha base sólida e estable sobre a que se asenta o campo principal.

Posteriormente, Calfensa tomou o relevo para executar o terreo de xogo propiamente dito. A instalación da rede específica de drenaxe e recollida de augas pluviais, o sistema de rega e o drenaxe perimetral forman parte dos traballos xa completados dentro desta fase.

Con todos os materiais xa dispoñibles, os próximos pasos consistirán en estender a terra vexetal, nivelala e compactala antes de proceder á colocación do céspede, deseñado especificamente para a práctica do fútbol. Este tapiz está composto por dúas especies de herba cultivadas previamente noutro emprazamento e transportadas en grandes rolos que poden superar a tonelada de peso.

Chegado ese momento, a nova "alfombra" racinguista quedará instalada en apenas tres ou catro días. Posteriormente, levarase a cabo o cosido con fibras de céspede artificial que converten o terreo nun sistema híbrido, unha operación que se prolongará aproximadamente unha semana e que se desenvolverá de forma ininterrompida durante as 24 horas do día.

Superada esta última fase e unha vez completado o proceso de asentamento do céspede, o primeiro equipo poderá comezar a adestrarse sobre o novo terreo de xogo, dando así un paso máis na posta en marcha da Cidade Deportiva de Mandiá.