Skip to main content

Comezan as obras de construción da Cidade Deportiva de Mandiá

A primeira fase prolongarase ata o verán e terá un investimento de cinco millóns de euros. Na etapa inicial habilitaranse dous campos de adestramento e dependencias de apoio para o primeiro equipo.

There are no reactions yet. Be the first!

A finais da pasada semana comezaron as obras de construción da Cidade Deportiva do Racing Club Ferrol, que se levantará na parroquia ferrolá de San Mateo, nos terreos da antiga estación radio Muiño do Vento. A primeira fase dos traballos, que se prolongará ata o verán, suporá un investimento superior aos cinco millóns de euros e permitirá dotar ao club de unhas instalacións modernas e acordes coas esixencias do fútbol profesional, ademais de reforzar a estrutura de canteira e formación.

O novo complexo deportivo ocupará máis de 120.000 metros cadrados de superficie, adquiridos o pasado mes de abril pola Fundación Racing Club Ferrol ao Concello de Ferrol por algo máis de 550.000 euros. Desde entón, o club traballou na definición do proxecto co obxectivo de adaptalo ás necesidades actuais da entidade e optimizar ao máximo a súa funcionalidade e o seu investimento.

Concluída a fase administrativa e tras a correspondente licitación e adxudicación, as empresas Prace e Calfensa, históricas colaboradoras do club, iniciaron xa os labores sobre o terreo.

Fases

O desenvolvemento da Cidade Deportiva estruturarase en catro fases, cunha investimento global que superará os doce millóns de euros. Nesta primeira etapa, dotada con cinco millóns, abordaranse actuacións prioritarias como a adecuación do terreo, a urbanización do espazo, a mellora dos accesos e a creación de zonas de aparcadoiro.

O plan inclúe ademais a construción de dous campos de adestramento: un de céspede natural híbrido destinado ao primeiro equipo e outro de céspede sintético de última xeración orientado ás categorías de formación, que poderá empregarse tamén para competicións de base.

Así mesmo, rehabilitarase un dos edificios xa existentes, o principal, con forma de “H” e situado á entrada do recinto, que acollerá vestiarios, ximnasio, enfermaría, lavandaría e diversas áreas técnicas de apoio ao traballo diario.

En fases posteriores, a Cidade Deportiva continuará medrando con novos campos de adestramento, zonas específicas para o fútbol formativo, dependencias destinadas a cociña e comedor, oficinas administrativas, unha área de prensa e, finalmente, unha residencia para xogadores.

A construción desta Cidade Deportiva constitúe un dos proxectos estratéxicos máis importantes na historia recente do club, ao dotar ao mesmo de unhas instalacións punteiras para o fútbol profesional e a canteira. O complexo permitirá tamén acoller competicións oficiais de primeiro nivel e converterase no epicentro da vida social e deportiva do racinguismo, fortalecendo a conexión do club coa súa comunidade.

Compromiso

A construción desta Cidade Deportiva é tamén unha mostra do compromiso firme e inquebrantable do Grupo Elite co proxecto do Racing Club Ferrol, un apoio que transcende o estritamente deportivo e que busca achegar un valor significativo a Ferrol e a toda a súa comarca. Este respaldo fundaméntase na aposta polo crecemento, a consolidación e o fortalecemento do club como entidade, garantindo a súa viabilidade e sustentabilidade tanto económica como deportiva.

O proxecto susténtase en criterios de accesibilidade, integración e sustentabilidade. As instalacións estarán adaptadas a persoas con diversidade funcional e ás necesidades do equipo Genuine. Ademais, púxose especial atención na eficiencia enerxética, a utilización de enerxías renovables, a rehabilitación de edificacións existentes e o aproveitamento racional dos recursos naturais da contorna.

A Cidade Deportiva do Racing Club Ferrol será un referente de sustentabilidade medioambiental e de compromiso co territorio. Trátase, ademais, dun fito histórico nos 106 anos de vida da entidade, que por primeira vez disporá de patrimonio inmobiliario propio. Estas instalacións serán a casa do racinguismo e o punto de partida desde o que o club proxectará o seu crecemento deportivo e social en toda a comarca de Ferrolterra.