O primeiro equipo adéstrase por primeira vez no novo terreo de céspede híbrido, un fito histórico para o club e un paso fundamental no desenvolvemento da súa Cidade Deportiva.
Hito importante para o Racing Club Ferrol. Esta mañá, o equipo adestrouse por primeira vez no novo campo da Cidade Deportiva de Mandiá, un momento sinalado e un paso fundamental nun proxecto chamado a acompañar o seu crecemento deportivo durante os próximos anos.
Durante toda a semana, persoal de Calfensa e Prace ultimaron os detalles para que todo estivese listo para acoller esta primeira sesión e, pouco antes das once da mañá, o plantel desembarcou nas instalacións.
A expectación e ilusión acompañaron a chegada dos xogadores, que foron recibidos polo presidente da entidade, Manuel Ansede; e por Guillermo Rivera, un dos Conselleiros Delegados do club; así como a dirección de fútbol, con Álex Vázquez á cabeza. Consciente da solemnidade do momento, o mandatario dirixiuse ao grupo para lembrar a transcendencia dun momento como este, recordando que “custounos moito, pero dispoñer dunhas instalacións á altura das metas que nos marcamos, que son máximas, foi sempre un obxectivo irrenunciable”.
“Esta é a primeira pedra do que vedes aquí, do que van ser unhas magníficas instalacións, que se complementarán con estes edificios e estes campos de herba artificial de última xeración”, explicaba Manuel Ansede aos futbolistas e corpo técnico antes de felicitalos polo avance do equipo e animalos a seguir traballando na mesma liña: “Estamos moi orgullosos do que fixestes ata a data e estamos convencidos de que imos conseguir o noso obxectivo. Parabéns e a gozar destas instalacións”.
Foron apenas uns minutos, antes de meterse de cheo no traballo diario, durante o cal os futbolistas puideron comprobar in situ as bondades dun terreo de xogo impecable que soportou estoicamente os rigores dunha intensa sesión.
A adquisición dos terreos da antiga Estación Radio da Armada, en abril de 2025, supuxo o punto de partida desta iniciativa. Desde entón, o club traballou para converter aquela parcela nun espazo propio, preparado para responder ás necesidades do fútbol profesional e para seguir desenvolvendo a súa estrutura deportiva. Hoxe, o proxecto suma un dos seus fitos máis importantes: o Racing xa dispón do seu primeiro terreo de adestramento propio.
Contar cun campo propio destas características supón un avance importante para a planificación e o desenvolvemento do traballo diario do primeiro equipo, que contará cun espazo deseñado especificamente para as súas necesidades.
Un campo preparado para o fútbol profesional
O novo terreo de xogo conta con 8.214 metros cadrados de céspede híbrido, un sistema que combina herba natural con fibras sintéticas cosidas mediante maquinaria especializada.
A súa construción requiriu a preparación dunha base específica, a instalación de sistemas de drenaxe e recollida de augas pluviais, rego e drenaxe perimetral, ademais da colocación de 462 grandes rolos de céspede natural e o posterior cosido das fibras artificiais. Estas fibras reforzan a superficie e achegan estabilidade e resistencia para responder ás esixencias do traballo diario dun equipo profesional.
O resultado é unha superficie concibida para o adestramento de alto nivel e adaptada ás condicións de uso e á climatoloxía do noso entorno.
O seguinte paso: habilitar o edificio H
O estreo do campo supón un avance decisivo, pero nin moito menos o final do camiño. A Cidade Deportiva de Mandiá continuará desenvolvéndose nas próximas etapas para completar os servizos que necesita o equipo.
O seguinte obxectivo pasa pola construción dun segundo campo, neste caso de herba artificial de última xeración, así como a rehabilitación e habilitación do edificio principal, coñecido como edificio H, que permitirá dotar as instalacións de ximnasio, vestiarios, enfermaría, lavandería e dependencias técnicas para dar soporte á actividade diaria do plantel.
A previsión é que esta segunda actuación poida estar completada antes de que remate a presente tempada, o que permitirá seguir avanzando na posta en marcha das instalacións e achegarse un pouco máis á realidade que o Racing quere construír en Mandiá. En canto ao campo de adestramento, os prazos están condicionados pola intervención dos técnicos de Patrimonio.