ZONA MIXTA | Pablo López e Antón Escobar, analizan a vitoria do Racing sobre o Osasuna Promesas en Tajonar
Os ferroláns remontaron o encontro tras chegar ao descanso cun gol en contra no marcador.
Valoracións de Pablo López e Antón Escobar tras a vitoria con remontada desta mañá en Tajonar fronte ao Osasuna Promesas.
Pablo López
"Non comezamos ben na primeira parte, pero soubemos agarrarnos ao partido e, a pesar das ocasións, chegamos ao descanso cun resultado desfavorable", recoñecía Pablo López, técnico racinguista, ao facer unha valoración dun partido do que tamén advertía que "sabiamos que ía ser complicado, que viñamos a un campo moi difícil no que ninguén gañara".
No capítulo favorable, o preparador valora positivamente que "na segunda parte o equipo deu un paso adiante e fomos capaces de darlle a volta ao marcador. Estou moi contento por iso".
Outro aspecto sobre o que Pablo López pon o foco é o feito de que "despois de encaixar o gol, o equipo tivo personalidade e mentalidade para tratar de darlle a volta. Tivemos ocasións, e nesa segunda parte fomos capaces de materializalas".
Tamén tivo palabras para poñer en valor a circunstancia de que os tantos fosen obra dos dous dianteiros: "Estou moi contento polos goles de Escobar e Giménez. Sabiamos que ían chegar os goles dos nosos dianteiros. Isto reforza o traballo diario que están facendo todos os nosos xogadores, a súa mentalidade e o traballo que facemos cada día en cada sesión".
Antón Escobar
Intentárao de todas as formas, estivera moi preto de conseguilo, pero o gol resistíaselle a Antón Escobar, que esta mañá se estreou como goleador coa camiseta racinguista en partido oficial. O dianteiro, que enviou un balón ao pau na primeira parte e estivo moi preto de marcar na segunda, conseguiu finalmente perforar a portería rival nun gol de ariete que supuxo a igualada e abriu a porta á remontada:
"Estou encantado co gol. É unha honra marcar con esta camiseta", admitía satisfeito ao final do partido. O xogador de Nigrán recoñecía que "un dianteiro sempre quere metela, pero unha dá no pau, outra sae rozando, outra páralla o porteiro... Ao final, é que entre unha". E agora que esa unha xa entrou, espera que "sexan moitas máis e sirvan para gañar partidos".
Respecto ao encontro en Tajonar, Antón Escobar era sincero ao recoñecer que "non entramos moi ben no partido. Tivemos algunha perda que nos fixo correr moitos metros para atrás. Comezamos con esas dúbidas que che xera non estar ben co balón". Esta circunstancia foi aproveitada polo seu opoñente para "ter algunhas contras claras para facernos gol, e ao final chega o seu gol a balón parado".
Esa circunstancia foi para o futbolista un punto de inflexión porque, ao seu xuízo, "a partir de aí o equipo comezou a mellorar un pouco. Viñeron tres ocasións —os dous paus de Zalaya e meu e outra miña— e comezamos a reaccionar. Despois, no inicio da segunda parte, viuse que sabiamos o que tiñamos que facer. Tivemos un pouco máis de confianza todos, sobre todo na saída do balón, que é o que nos permite despois estar máis finos arriba e ter ocasións".
De feito, Escobar non dubida en cualificar como “auténtico partidazo” o que fixo o equipo na segunda parte: "Conseguimos darlle a volta coa suma de todo o mundo: coa xente que estaba xogando e coa que viña do banco, e iso é súperimportante".
A súa conclusión é taxante: "Fixemos un bo traballo. Remontar nesta categoría é moi difícil"