A pretemporada arrinca o 15 de xullo e xa hai definidos tres partidos de preparación
Á espera de que a Real Federación Española de Fútbol confirme de maneira oficial o inicio ligueiro en Primeira Federación —previsto para a última fin de semana de agosto—, o Racing Club Ferrol xa perfila os detalles dunha pretempada que marcará os primeiros pasos do noso novo proxecto.
O conxunto dirixido por Javier Vázquez arrancará o próximo mércores 16 de xullo, data na que está prevista a primeira sesión de traballo. Durante esas xornadas iniciais, o plantel combinará os adestramentos sobre o céspede cos habituais recoñecementos médicos e probas físicas.
Por diante, algo máis de seis semanas de preparación nas que o técnico madrileño buscará afinar o equipo de cara ao estreo ligueiro. Para iso, celebraranse varios partidos de preparación, algúns dos cales xa están oficialmente pechados.
Ese calendario de amigables arrancará o 1 de agosto coa visita ao Villalonga FC, no campo de San Pedro, e continuará o día 5 co enfrontamento ante o Bergantiños FC en O Pote. O xa tradicional partido ante o Real Madrid Castilla en Viveiro, previsto para o 8 de agosto, permitirá ao equipo alcanzar o ecuador da súa preparación.
Calendario de partidos confirmados
Villalonga FC – Racing Club Ferrol
Sábado 1 de agosto | Campo de San Pedro (Vilalonga)
Racing Club Ferrol – Bergantiños FC
Mércores 5 de agosto | Campo de O Pote (Maniños)
Real Madrid Castilla – Racing Club Ferrol
Sábado 8 de agosto | Campo de Cantarrana (Viveiro)
Real Avilés Industrial – Racing Club Ferrol
Xoves 13 de agosto | Estadio Municipal Pepe Barrera (Ribadeo)
Racing Club Ferrol – Coruxo FC
Venres 21 de agosto | Campo Municipal A Pedreira (Mugardos)
UD Somozas – Racing Club Ferrol
Sábado 22 de agosto | Campo Bernardino Breijo (Cerdido)