A cita congrega a máis de 50 equipos e 800 xogadores e xogadoras en Las Rozas
O Racing Club Ferrol Genuine afronta esta fin de semana en Madrid a última xornada de LALIGA Genuine Moeve, unha cita que porá o colofón a unha tempada marcada pola ilusión, a convivencia e os valores que fan desta competición un referente do deporte inclusivo. A fase final disputarase na Cidade do Fútbol da RFEF, en Las Rozas, onde se reunirán 50 equipos e máis de mil participantes entre xogadores, xogadoras, corpos técnicos, familias e afeccionados.
A expedición racinguista chegará a esta última parada co obxectivo de seguir gozando do fútbol e dunha experiencia que vai moito máis alá do resultado. Durante a fin de semana, o noso equipo medirase o sábado á UD Ibiza e á Fundación Albacete, mentres que o domingo pechará a súa participación fronte ao CD Eldense, no marco dunha xornada que incluirá un total de 75 partidos.
O Racing Genuine volta a esta fase final tras completar o seu paso por Tarragona, A Coruña e Burgos, sempre nun ambiente de compañeirismo, esforzo e aprendizaxe compartido. Nas súas anteriores citas, o equipo reforzou o seu crecemento dentro e fóra do terreo de xogo, consolidando un proxecto que representa os valores da Fundación LALIGA e do propio club.
Máis alá dos encontros, a participación racinguista en LALIGA Genuine Moeve volta a subliñar a importancia dun equipo formado por futbolistas procedentes de distintos colectivos sociais de Ferrolterra vinculados ao ámbito da discapacidade intelectual, un grupo que segue facendo do fútbol unha ferramenta de inclusión, respecto e transformación social.
Con esta última xornada, o Racing Club Ferrol Genuine despedirá unha tempada inesquecible nunha cita que servirá como peche simbólico a un curso no que primaron a paixón polo deporte, o compañeirismo e a emoción de compartir unha experiencia única.