O convenio permite crear un escenario de maduración futbolística para mozos xogadores entre as categorías de formación e o fútbol sénior
Racing e UD Somozas escenificaron oficialmente o acordo de colaboración que ambas entidades ratificaron co propósito de potenciar o fútbol de formación. Un sistema xurídico de filialidade que permitirá a ambos equipos manter a súa autonomía, ao mesmo tempo que unen esforzos para impulsar un proxecto estable e aliñado.
Álex Vázquez, director de Fútbol do Racing Club Ferrol; Juan Alonso Tembrás, presidente da UD Somozas; e Enrique Guerreiro, tesoureiro desta entidade, detallaron os pormenores deste convenio, que será coordinado e supervisado por Míchel Alonso.
O ferrolán falou de “confianza” e “respecto” ao referirse a este acordo, que nace co propósito de xerar unha “estrutura que sexa unha plataforma para os nosos rapaces e da que se poidan beneficiar a UD Somozas e todo o fútbol de Ferrolterra”.
O obxectivo non é outro que captar e reter talento na comarca, ofrecendo aos mozos xogadores unha ligazón intermedia entre a etapa xuvenil e o primeiro equipo nun contexto propicio para a súa maduración futbolística sen saír do entorno do club.
Esta nova filialidade intégrase, ademais, dentro dunha estratexia global de formación que o Racing Club Ferrol vén desenvolvendo nos últimos anos. Neste sentido, súmase ao acordo xa existente co CMI Club de Campo Ferrol, que permite ao club ter presenza e acompañar o desenvolvemento dos futbolistas en etapas previas á categoría alevín.
Con ambas alianzas, o Racing continúa fortalecendo unha estrutura que abrangue todos os chanzos formativos, ofrecendo aos mozos xogadores un itinerario dende os seus primeiros pasos no fútbol ata a súa chegada á etapa sénior.