Xuíz e parte
O Racing enfrontarase mañá ao CD Tenerife no Heliodoro Rodríguez López
Avanza o Racing nesta amarga recta final do campionato coa visita ao CD Tenerife. O choque, correspondente á 39.ª xornada de LALIGA Hypermotion, medirá ao cadro ferrolán mañá domingo, ás 20.00 horas (horario insular), no Heliodoro Rodríguez López, con un dos equipos que o acompaña na zona crítica da clasificación. Tanto é así que, se o Real Zaragoza gaña esta noite ao FC Cartagena, tamén se consumaría o descenso matemático dos illenses.
No caso de que os maños non gañen, o CD Tenerife estaría obrigado a sumar os tres puntos para seguir con vida na competición. Se isto último sucede, os de Alejandro Menéndez serán de novo xuíces e parte na sorte que corra un dos seus compañeiros de “penalidades”. Tal escenario pon toda a presión do bando anfitrión, coa vitoria como única alternativa para o conxunto que dirixe Álvaro Cervera.
Nas filas do Racing, os lesionados Erick Cabaco e Luis Perea quedaron fóra da convocatoria, así como Aitor Buñuel, que non poderá enfrontarse ao seu exequipo, pois aínda se atopa convalecente tras a cirurxía ocular á que foi sometido hai quince días. Tampouco estará Raúl Blanco, que sofre unha fisura nun óso do tacón. Menéndez deberá prescindir tamén, neste caso por sanción, de Fran Manzanara.
O CD Tenerife conta coas baixas do sancionado Fabio e dos lesionados Bodiger, José Amo e León.
Case setenta afeccionados racinguistas estarán mañá na grada visitante do Heliodoro Rodríguez López, demostrando que, independentemente da situación deportiva, o club conta co fiel respaldo dunha afección disposta a pechar filas en torno ao equipo.